Galicia participará no primeiro centro europeo de excelencia cuántica concedido pola Comisión Europea
A Comisión Europea acaba de facer pública a concesión do primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica (QEX) en Europa no que participará Galicia a través de USC, UDC e do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). Este centro, financiado pola Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea (EuroHPC JU), está impulsado por un consorcio de once socios procedentes de cinco países e ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e garantir o liderado europeo en computación cuántica.
A participación galega, que conta cun orzamento de 1,36 millóns de euros cofinanciados nun 50% pola Comisión Europea e no outro 50% polo Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación, terá unha importante contribución a este obxectivo de crear un espazo único para aportar servizos e coñecemento aos usuarios de ordenadores cuánticos. A parte galega está liderada polo Cesga, un centro compartido entre a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas, e tres centros de investigación da Rede CIGUS: o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, e o Centro de Investigación en TIC (CITIC) da UDC.
En concreto, os centros galegos contribuirán principalmente a facilitar á comunidade científica e ao tecido produtivo o acceso ás infraestruturas cuánticas. Ademais, tamén facilitarán o desenvolvemento de novas aplicacións e softwares no campo da computación cuántica e serán responsables da realización de actividades de benchmarking, un proceso de comparación de computadores cuánticos e aplicacións desta tecnoloxía. Tamén colaborarán na formación de investigadores e usuarios, impulsando a experiencia adquirida en TalentQ, o programa de formación e crecemento de talento do proxecto Quantum Spain.
O Centro Europeo de Excelencia Cuántica funcionará como un centro único para aplicacións e ferramentas de computación cuántica, capacitando a usuarios científicos, empresas e industrias europeas para aproveitar o potencial destas tecnoloxías. Mediante programas de formación especializada e apoio personalizado, QEX formará persoal altamente cualificado en computación cuántica en toda Europa, á vez que axudará aos usuarios a adaptarse e codesenvolver aplicacións cuánticas, asegurando así a preparación para a próxima era da computación.
Socios participantes
O consorcio QEX reúne once socios que representan unha rede diversa de experiencia científica e técnica, procedentes de cinco países da Unión Europea. Coordinado polo Stichting QuantumDeltaNL (Países Baixos), participan tamén por Dinamarca a Danmarks Tekniske Universitet, a Københavns Universitet e a Syddansk Universitet, por Irlanda a Universidade de Galway, por Alemaña a Bayerische Akademie der Wissenschaften e a Deutsches Zentrum für Luft – und Raumfahrt e polos Países Baixos a Nederlandse Organisatie voor Toegepast Natuurwetenschappelijk Onderzoek, ademais do líder Stichting QuantumDeltaNL. Súmanse por España, a USC, o Cesga, e a UDC.