Unha viaxe ao Paleolítico e á Idade do Ferro
Os estudantes da materia Arqueoloxía Experimental do Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC participaron este venres na xornada experimental que organizou o grupo de estudo para a Prehistoria do noroeste ibérico (GEPN) da USC. No espazo que o grupo ten a carón da residencia universitaria Monte da Condesa o alumnado puido experimentar, malia o mal tempo, con diversas actividades arqueolóxicas que o trasladou ao Paleolítico e á Idade do Ferro. Entre as moitas accións, esfolaron un coello en fresco e outro cociñado con útiles líticos e fracturaron e queimaron os ósos para así estudar as marcas que na época se producían como resultado da carnicería. Ademais, elaboraron adhesivos a base de resina de piñeiro para fabricar ferramentas, dispararon cun arco proxectís de diferentes materias primas e elaboraron e trasfegaron mosto de cervexa. Tutelada por estudantes de doutoramento da USC e da Universidade Rovira i Virgili de Tarragona, a parte da xornada dedicada ao Paleolítico incluía actividades relacionadas coa talla lítica, o procesamento cárnico, os útiles compostos, as gravuras e os proxectís. Para coñecer a Idade do Ferro traballouse co trampling, as marcas de uso en cerámica, a cadea operativa da cervexa, decoración de cerámica e preparación de barreiras. Tostando grao (Foto: Santi Alvite) Na xornada estudaron diversas pezas arqueolóxicas (Foto: Santi Alvite) Estudando as marcas de gravado en soportes calizos e o desgaste en útiles líticos empregados para gravar (Foto: Santi Alvite)