Pasar al contenido principal

A USC achega a súa oferta en Lugo a estudantes preuniversitarios co campus de verán Xuvenciencia, que será do 22 ao 26 de xuño

Santos, Silva, Orozco e Novo, na presentación do campus de verán Xuvenciencia Lugo
Santos, Silva, Orozco e Novo, na presentación do campus de verán Xuvenciencia Lugo
A inscrición no programa, para o que se ofrecen 120 prazas e que inclúe obradoiros, visitas e proxectos científicos, permanecerá aberto ata o 10 de maio na web da USC

A USC celebrará do 22 ao 26 de xuño a a terceira edición do campus de verán Xuvenciencia Lugo, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación e a través do que se pretende achegar a realidade universitaria, así como a oferta de estudos, servizos e as investigacións desenvolvidas no campus de Lugo da USC, ao estudantado preuniversitario.

O prazo de inscrición neste programa, para o que se ofrecen un total de 120 prazas, permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de maio na páxina web da USC. O campus de verán Xuvenciencia Lugo, que nesta edición se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que a USC busca dar a coñecer a estudantes universitarios os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do campus de Lugo. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo ofrece servizo de aloxamento entre os días 21 e 27 de xuño na residencia universitaria Abeiro da capital lugesa organizado pola A.D.C. Lumieira Lugo. Esta posibilidade, complementaria co desenvolvemento das actividades incluídas no programa do campus de verán, está pensada para atraer a participantes procedentes doutras localidades galegas e de fóra de Galicia, tal e como se puxo de manifesto na presentación dun programa no que colaboran arredor de 100 profesores. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o deputado provincial delegado da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, e a profesora da USC e coordinadora do campus de verán Xuvenciencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez, presentaron as novidades e a programación de actividades deseñadas no marco dunha iniciativa na que participan todos os centros do campus lugués. A nova edición do campus de verán Xuvenciencia Lugo mantén os mesmos obxectivos cos que naceu e que pasan por divulgar e achegar ao estudantado preuniversitario as titulacións científicas, técnicas e de ciencias sociais e Humanidades, así como a investigación desenvolvida nos distintos centros do campus de Lugo. Dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía desenvolvida na sede universitaria luguesa mediante a organización de talleres e o desenvolvemento de proxectos científicos, técnicos e sociais que teñan como protagonistas aos estudantes de ESO e Bacharelato. Fomentar o interese polas titulacións científicas e técnicas, así como por aquelas outras do eido das ciencias sociais e humanidades, ofertadas no campus lugués, achegar toda a información dispoñible para que os futuros universitarios/as poidan elixir mellor o seu futuro e divulgar a investigación feita no campus de Lugo son outros dos obxectivos deste programa, segundo lembrou a profesora Mercedes Novo Rodríguez. A coordinadora do campus de verán Xuvenciencia Lugo aproveitou a presentación desta terceira edición do programa para agradecer publicamente a colaboración recibida da Deputación e do Concello de Lugo, así como da Fundación Barrié, a través de EducaBarrié, entre outras entidades e empresas, para poder desenvolver esta iniciativa. Programa, escenarios e actividades As distintas actividades incluídas no campus de verán Xuvenciencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do campus de Lugo e a centros colaboradores (Biblioteca, CACTUS, Aula de Produtos Lácteos e laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre máis de 20 propostas. Inscrición e matrícula O prazo de inscrición estará aberto entre o 24 de abril e o 10 de maio a través da páxina web www.usc.es/xuvenciencia , un enderezo electrónico no que tamén poderán atopar toda a información relativa ao desenvolvemento do campus. Os candidatos/as admitidos/as serán informados por e-mail coas indicacións para realizar a matrícula entre o 15-21 de maio. A matrícula no Campus (sen aloxamento) ten un prezo de 40 E e inclúe participación nas actividades conxuntas do campus e nun dos proxectos científicos ou técnicos, material necesario para o campus, seguro, xantar nun comedor universitario os cinco días do campus, e diploma de participación da Universidade de Santiago de Compostela. O Campus (con aloxamento) custa 120 E e inclúe todo o anterior máis actividades lúdicas, aloxamento, cea e almorzo na residencia universitaria Abeiro, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C. Lumieira Lugo. Proxectos científicos, técnicos a desenvolver

O estudantado que tome parte en Xuvenciencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas pola USC par este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a coro, análise clínica, análise de proteínas, animal CSI, separación de proteínas, os científicos das letras, do laboratorio á cociña, un mar de animais, fotosíntese artificial, árbores en tubos de ensaio, introdución á fotografía científica, márketing e desenvolvemento de produtos, modelaxe 3D, narrando historias, prácticas clínicas veterinarias, reaccións químicas e electróns, química computacional, prácticas clínicas veterinarias, efecto invernadoiro ou un mar de animais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.04.2015.