Pasar al contenido principal

O alumnado de filoloxía clásica celebra o Día do Libro con orixinais actividades

Imaxe do obradoiro de caligrafía (Foto: SERVIMAV-USC)
Imaxe do obradoiro de caligrafía (Foto: SERVIMAV-USC)

O alumnado de Filoloxía Clásica celebra este xoves o Día do libro cunha xornada chea de actividades coa intención de facer desta data unha ocasión para dar a coñecer as culturas grega e romana de formas entretidas e innovadoras. Así, quen se achegue ao centro pode participar nun taller de caligrafía en rústica romana axudado por cálamos improvisados e papiro ou achegarse ao ocio do día a día romano intervindo nos xogos tradicionais que se desenvolveron durante toda a mañá. Ademais, tivo lugar unha lectura libre de textos nunha busca de resaltar a esencia da xornada: a labor dos filólogos e o espírito lector. Por último, quen o desexe pode participar no xogo de rol ‘O Olimpo en armas’, unha adaptación á cultura grecolatina do xogo Les loups-garous de Thiercelieux a través da cal o xogador coñece os papeis e funcións dos deuses olímpicos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.04.2015.