Pasar al contenido principal

As universidades españolas debaten na USC o novo modelo de Suplemento Europeo ao Título

Representantes de preto de medio centenar de universidades españolas reuniranse este venres 8 en Compostela nunhas xornadas que analizan a implementación da expedición do Suplemento Europeo al Título (SET), un dos instrumentos básicos do proceso iniciado en Bolonia. O SET é un modelo de información unificado e personalizado para o titulado universitario sobre os estudos cursados, o seu contexto nacional e as competencias e capacidades profesionais adquiridas. O seu obxectivo é incrementar a transparencia das diversas acreditacións europeas e facilitar o seu recoñecemento por outras institucións. A USC foi a primeira das universidades españolas en expedir o SET en todas as súas titulacións por consideralo un documento esencial para a mobilidade e empregabilidade do seu alumnado. A partir das 10.00 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o reitor Juan Viaño presidirá a inauguración das xornadas nun acto no que tamén está prevista a intervención do secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Juan Vázquez Rojas. Seguiranlle as intervencións de Margarita de Lezcano-Mújica, da subdirección xeral de Títulos e Recoñecemento de Cualificacións, que revisará o valor do SET como elemento de empregabilidade e de Mª Angelina Lobato Lobato, da mesma subdirección xeral, para tratar as particularidades do novo decreto polo que se establecen os requisitos de expedición deste suplemento. Belén Hernández Fernández, de Títulos e Recoñecemento de Cualificacións, e Carlos Gómez Otero e Manuel Rodríguez Ruano da USC presentarán a continuación a guía en proceso de elaboración que establece pautas e modelos para que todas as universidades traballen de maneira coordinada no Sistema Español de Universidades e que o resultado sexa un formato único normalizado. Tamén Carlos Gómez Otero e Manuel Rodríguez Ruano serán os encargados de explicar o Suplemento Europeo ao Título Electrónica (e-SET), como un primeiro paso cara a acreditación de estudos superiores en formato electrónico. O e-SET é unha proposta nacida no seo da USC ratificada polo pleno da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE).

O SET como elemento de interoperabilidade entre as universidades e outras administracións públicas será a cuestión que desenvolva Daniel Sánchez Martínez, da Universidade de Murcia, a quen seguirá unha mesa redonda sobre ‘Dificultades e oportunidades na implantación do Suplemento Europeo ao Título en formato papel e formato electrónico’, na que intervirán Margarita de Lezcano-Mújica, Victor Cabrera Sanchez, da Universidade da Coruña, e José María Ortiz Lozano, da Universidade de Comillas, moderados por Ramón García Rey da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2015.