Recursos creados polo GI-1350 Románicas
Cartografía da lírica profana galego-portuguesa – CANTICAR
CANTICAR é un recurso que materializa de forma gráfica os topónimos da lírica profana galego-portuguesa non só para completar o coñecemento sobre a propia toponimia medieval, senón tamén para que os seus usuarios comprendan as dimensións sociopolíticas en que os textos foron elaborados, xa que, entre outras prestacións, ofrece a reconstrución das fronteiras dos reinos peninsulares ao longo do movemento trobadoresco (ca. 1170-1350).
Redes socioculturais da lírica galego-portuguesa
As cantigas de escarnio e as tenzóns permiten testemuñar contactos entre autores da escola lírica galego-portuguesa. Este portal destínase a brindar unha valiosa información literaria, histórica e biográfica sobre eses trobadores e xograres, así como a facilitar novas perspectivas sobre as redes socioculturais e literarias dos autores, proporcionando unha nova ferramenta para a investigación.
Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval – BiRMED
A Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval (BiRMED) é unha base de datos de bibliografía especializada na produción científica dedicada á lírica trobadoresca, Cantigas de Santa Maria e prosa literaria. O principal obxectivo de BiRMED é servir como ferramenta aos investigadores da literatura medieval, pois facilita a localización de referencias tematicamente especializadas e favorece o coñecemento de produción científica que se está a desenvolver, sobre a literatura medieval galego-portuguesa, tanto en Galicia como noutras áreas xeográficas.
Desde a apertura da primeira versión (1998), BiRMED recompilou máis de 5000 fichas bibliográficas e ampliou as súas posibilidades. Entre outras accións, proporciona un “índice de citas” que permite, por unha banda, coñecer a bibliografía citada en cada rexistro e, por outra, saber onde aparece referenciado o traballo en cuestión.
Publicacións do Arquivo Galicia Medieval – ArGaMed
ArGaMed é unha serie de publicacións que complementa os proxectos Lírica profana galego-portuguesa, Cantigas de Santa Maria, Prosa literaria galega medieval e BiRMED, todos eles levados a cabo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Publica dous números por ano, que poden conter estudos ou edicións (críticas ou paleográficas, novas ou revisadas) relacionados cos proxectos mencionados. Tamén teñen cabida na serie tanto monografías (de autoría individual ou colectiva) como misceláneas de traballos dun mesmo autor ou de autores diferentes.
Base de datos da Lírica profana galego-portuguesa – MedDB
En maio de 1998, o Proxecto Lírica profana galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades deseñou a primeira ferramenta dixital que puxo a disposición do público interesado e académico o corpus completo das cantigas medievais dos trobadores galego-portugueses, complementada con información histórica e retórica que permitía realizar buscas de moi diversos tipos. O obxectivo principal era achegar as cantigas á comunidade dun xeito áxil, rigoroso, actualizado e adaptado aos intereses de cada usuario, finalidade que tamén motiva a versión actual da ferramenta, aberta ao público desde xuño de 2016.
MedDB3 mellora sensiblemente as versións anteriores, pois ofrece as trascricións das Notas coloccianas e das Rúbricas explicativas presentes nos testemuños manuscritos, amplía o espectro de campos de busca, permite o acceso sen rexistro previo á variedade de Buscas simples e actualiza tanto as edicións críticas do corpus, como a información achegada para as cantigas e trobadores en función dos progresivos avances da produción científica.
Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa – PalMed
PalMed é unha base de datos que ofrece a transcrición paleográfica de todos os testemuños manuscritos da lírica galego-portuguesa. O seu obxectivo é facilitar o labor dos investigadores interesados na realización de estudos paleográficos, grafemáticos, lingüísticos e ecdóticos sobre a produción trobadoresca do occidente ibérico.
Para o correcto manexo da plataforma, o usuario debe ter en conta que o equipo do Proxecto estableceu unha serie de convencións, que se recollen nos ‘Criterios de edición’. Ademais, os investigadores poden contrastar sempre as transcricións coas imaxes dos manuscritos, que se abrirán na pestana correspondente do navegador.
GloSabio: Persoas e Lugares nas Cantigas de Santa María
GloSabio é unha ferramenta dixital en curso de elaboración para a recuperación e a consulta de información actualizada e contrastada sobre topónimos e antropónimos mencionados nas Cantigas de Santa María. A iniciativa enmarcouse primeiro dentro do proxecto 2022-PG086 Nomes propios nas Cantigas de Santa María: persoas e lugares. Creación dun dicionario en formato libro dixital e dunha base de datos na rede, financiado pola Xunta de Galicia e realizado na Universidade de Santiago de Compostela.
Recursos nos que colabora o GI-1350 Románicas
- Prosopographical AtlasofRomanceLiterature
- POSTDATA (Poetry Standardization and Linked Open Data), Laboratorio de Innovación en Humanidades Digitales (UNED).
- Universo Cantigas. Edición crítica da poesía medieval galego-portuguesa, Universidade da Coruña.
- Une histoire sociale des Langues Romanes (Université Paul-Valéry Montpellier 3)
- Medievalitis (portal web de divulgación de novas e eventos relacionadas cos Estudos medievais)
Outros recursos
- Pacto de irmãos. Os primórdios da língua escrita (documental)
- Roteiro da Lírica Medieval
- As ribeiras do Miño, o berce da lírica hispánica. (Documental). Ver en Youtube
- Vai lavar cabelos na fontana fría. As orixes da lírica hispánica (CD). Escoitar en bandcamp
- Diálogos sobre a lírica galega medieval(con Carlos Núñez e Mariña Arbor). Ver en Youtube
- Pero Meogo cantado por Antoni Rossell. Ver en Youtube
- Fragmenta Vai lavar cabelos na fontana fría. Ver en Youtube
- Sociedad de Estudios Medievales y Renacentistas La Semyr
Outras listaxes de recursos
- Páxina de ligazóns de interese recollidos na web de Société de Linguistique Romane: Colloques et congrès « Société de Linguistique Romane (slir.org)
- Páxina de recursos catalogados pola Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares
- Páxina de ligazóns recollidas no web da Asociación Hispánica de Literatura Medieval
- Páxina de ligazóns recollidas no web da Società Italiana di Filologia Romanza