Adolfo Paz: «O futuro da sanidade animal pasa por facer un uso racional dos antiparasitarios e fomentar a prevención»

O uso sistemático de antiparasitarios en gandaría durante as últimas décadas, entre outras cousas, preparou o terreo para o florecemento e consolidación do que hoxe é un dos retos máis perentorios aos que nos enfrontamos: a resistencia antiparasitaria.
Por iso, explorar novas vías que promovan un uso racional destes medicamentos vólvese crítico para poder crear estratexias efectivas de control biolóxico. Algo que Adolfo Paz Silva leva anos poñendo en práctica.
Docente e investigador do Departamento de Patoloxía Animal do Campus Terra e Coordinador do Grupo de Investigación COPAR (Control de Parasitas en animais e persoas: diagnóstico, prevención e tratamento), hoxe recorremos á súa experta voz para coñecer, de primeira man, o estado actual e os retos a futuro de materias tan significativas como a parasitoloxía, o diagnóstico de zoonoses e a saúde animal.
-O grupo COPAR, que vostede coordina, desenvolveu numerosas investigacións orientadas ao diagnóstico fiable de parasitoses mediante técnicas de inmunodiagnóstico. Cales diría que foron os principais avances neste campo e que retos permanecen aínda por resolver?
-Nós empezamos a traballar nisto no ano 2002, e o obxectivo era tentar encher ese baleiro que existe entre o momento no que os animais ou as persoas se infectan por un parásito do fígado, Fasciola hepatica, e cando comezan a mostrar signos desa infección.
Ese lapso temporal é moi importante, xa que permite evitar o desenvolvemento de lesións ou alteracións. Como non había técnicas dispoñibles por aquel entón, o noso equipo decidiu aplicar técnicas de inmunodiagnóstico.
Os principais logros estiveron relacionados con trematodosis en enfermidades que afectan o fígado de vacas coma a fasciolose ou a dicroceliose. De feito, tivemos algunhas aproximacións a empresas privadas do centro de Europa que querían desenvolver un kit comercial.
Nós permanecemos neste campo co inmunodiagnóstico de enfermidades en cabalos, enfermidades que tamén afectan o fígado e mesmo poden provocar unha encefalite hepática pola acumulación de substancias tóxicas, que chegan a afectar o comportamento do animal. Neste aspecto, cada ano recibimos entre 30 e 40 mostras de veterinarios clínicos de toda España.
-Gran parte das súas investigacións estiveron centradas en parasitoses que afectan tanto a animais como a humanos. Ata que punto a interdisciplinariedade entre veterinaria e saúde pública é hoxe fundamental na investigación de zoonoses?
-Agora fálase moito do concepto de One Health, no que conviven estreitamente a saúde das persoas, dos animais, do medio ambiente… E, realmente, é a única maneira que temos para poder avanzar.
Empezando polo feito de que as persoas tamén podemos transmitirlles enfermidades aos animais. O termo zoonose ten unha connotación bastante antropocéntrica. Entón, é fundamental a interrelación entre ámbitos de coñecemento para que as nosas investigacións sexan realmente eficaces.
Un exemplo moi frutífero que está a dar moi bos resultados é a colaboración que mantemos co Servizo de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade (Xunta de Galicia), na Rede Galega de Vixilancia de Vectores, porque está a permitir conseguir información moi interesante e útil sobre as especies de carrachas presentes en Galicia, que serve para que eles estean preparados e poidan tomar as medidas pertinentes, e tamén para tranquilizar á poboación.
Hai 6 anos descubriramos a presenza dunha carracha (Hyalomma marginatum) que transmite a febre de Crimea-Congo. Puxémolo en coñecemento do Servizo de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade e, ao pouco tempo, déronlle difusión a esta materia e tomaron a medidas para que os médicos coñecen o tema e saiban, por exemplo, os síntomas que presentaría unha persoa con esa enfermidade, qué facer, etc.
-Mencionaba unha maior sensibilidade para alcanzar as metas propostas polo concepto de ‘One Health’. Debemos traballar moito neste campo e crear esa interdisciplinariedade porque, ao final, vai mellorar a saúde pública, a animal e, en última estancia, o benestar de todos, non?
-Efectivamente. Ademais, os funcionarios públicos, debémonos realmente á poboación (ou así tiña que ser). E nestes momentos estamos a asistir a un auxe da colaboración cidadá, o cal é moi positivo, pero tamén hai que saber medir e atopar o equilibrio: hai que reducir os niveis de alarmismo.
-Cambiando un pouco de terzo, o desenvolvemento de métodos de control sostible baseados en fungos filamentosos saprófitos supón unha alternativa innovadora aos tratamentos convencionais. Que vantaxes ofrece este enfoque fronte aos antiparasitarios clásicos?
-No medio, mentres non aparece a man do humano, que o modifica todo, adoita estar o conxunto convivindo en equilibrio: patóxenos e antagonistas de patóxenos están en equilibrio. Os cabalos ou vacas no monte non adoitan ter graves problemas de enfermidades (máis ben fame), grazas ao que se coñece como a adaptación.
Cando este mecanismo se desequilibra é cando aparecen as enfermidades. E nós o que propoñemos é a aplicación destes fungos, que normalmente se atopan no solo ou aparecen nas froitas que se estragan, para que diminúan a presenza de parasitos, xa que os atacan. E fano por asegurarse unha nutrición: é un mecanismo que favorece a súa supervivencia.
Hai multitude de parasitos que se atopan no solo, en concreto en forma de ovos ou larvas, por exemplo. E estes fungos saprófitos cómenos, diminuíndo o risco de infección e permitindo unha desparasitación menos frecuente porque non é necesaria.
Doutra banda, en canto á calidade dos alimentos, queda totalmente asegurada. Non se ten que esperar a que se cumpra o período de supresión. Ademais, outra vantaxe da aplicación destes fungos é que non persisten no medio, porque serven de alimento a outros organismos (ácaros, nematodos, miñocas...). En definitiva, é unha metodoloxía preventiva: evítase así que se desenvolvan parasitos no solo e evítase tamén o risco de infección en animais, e deste xeito, tamén en persoas, é dicir, mellórase o medio e actúase en favor de animais e persoas (One Health).

-Varias das liñas de investigación do grupo COPAR deron lugar a patentes e colaboracións con empresas nacionais e internacionais. Como valora a transferencia de coñecemento desde a Universidade ao sector produtivo?
-Gran parte das experiencias que tivemos tanto a nivel nacional como internacional débense, precisamente, ao excelente traballo das persoas da Área de Valorización e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela.
Teñen moitísima ilusión por facer cousas, falando xa desde a dedicación persoal. É un persoal tremendamente válido e, ademais, moi xeneroso co tempo. Algo que me gustaría que se fixese é reforzar esta área, dotala mesmo de máis medios para potenciala e que sigan facendo o excelente traballo que levan facendo tantos anos.
-Un dos campos máis recentes da súa investigación é a utilización de animais como sentinelas para monitorizar o risco de infección en humanos. Que especies resultan máis indicadas para este labor de vixilancia e cales son os parámetros clave que analizan?
-Este tema é moi bonito, a verdade. Aínda que, así dito, parece que estás a aproveitarte dos animais. Pero, realmente, non é así.
Hai unha serie de enfermidades que se transmiten a través do que se denominan vectores, como poden ser as carrachas ou os dípteros.
Doutra banda, hai animais que poden estar expostos a determinados virus ou bacterias, pero que non desenvolven a enfermidade. Con todo, se estes vectores pican a persoas, si que a desenvolven.
Nós utilizamos sobre todo cabalos e vacas que están en zona rural ou mesmo de montaña, precisamente porque a certas especies de vectores gústalles estar lonxe da poboación. Por esta razón non tería sentido facer procuras en contornas urbanas, polo que estas especies que viven afastadas dos núcleos poboacionais son moi útiles.
Que facemos con eles? Recollemos mostras de sangue e analizámolas. Así, aparte de confirmar que o animal está ben, buscamos a presenza de anticorpos que nos poidan indicar se o animal estivo exposto ou non. Unha vez temos toda esa información, transmitímoslla á Xunta, indicando a presenza de certo vector en certa zona para poñer en alerta ás autoridades pertinentes.
Entón, retomando o que comentaba ao principio, establécese unha relación moi bonita cos sentinelas: eles non sofren en absoluto e nós podemos solicitar información moi valiosa, moi útil tanto para velar pola saúde destes animais como pola nosa.
-Actualmente, o control de infeccións parasitarias tamén se enfronta a un novo desafío: a crecente presión por limitar o uso de antiparasitarios químicos en produción ecolóxica. Que papel poden desempeñar as súas liñas de investigación neste novo escenario?
-Isto garda moita relación co que comentaba antes da sustentabilidade e o control biolóxico. Vai ser o futuro porque vai ser algo obrigado, como está a ocorrer cos antibióticos. E é algo que, en parte, provén dun enfoque case únicamente curativo, e non se considera a prevención.
Gustaríame destacar que existe un concepto erróneo en canto ao control biolóxico, e é que en ningún momento téntase eliminar completamente o tratamento sobre o animal. Todas estas pautas van reducir o risco, van reducir a presenza de patóxenos no solo, non eliminala por completo.
Nós, cos fungos, utilizamos aos animais como vehículos. Elaboramos galletas ou xelatinas que os animais se comen e, posteriormente, das feces saen as esporas dos fungos que non se puideron reproducir dentro do organismo xa que non se dan as condicións necesarias.
Entón, se ese animal está parasitado, non se vai a curar por moitos fungos que lle proporciones. Necesítase sempre un tratamento, pero a clave está en reducir a frecuencia deses tratamentos.
Para iso, estamos a traballar en protocolos integrados que, ademais de curar a infección, evitan unha nova infección ou se propicia que esta se produza o máis tarde posible grazas ao engadido dos fungos. Isto levounos a asinar un acordo cun grupo de empresas de Colombia, Perú e a República Checa no que se está estudando a aplicación destes fungos.
En conclusión, creo que isto é o futuro: un uso racional dos antiparasitarios sen suprimilos por completo, senón aplicalos logo de análises que amosen a súa necesidade.
-Por último, e mirando ao futuro, cales son as principais liñas estratéxicas que o seu grupo de investigación exponse desenvolver nos próximos anos no ámbito das parasitoses zoonósicas e o control biolóxico?
-En relación a esta liña dos fungos, cremos que estamos ben asesorados e que en breve vai transcender: non temos que seguir empuxándoa porque xa avanza soa.
Agora mesmo estamos a dedicar os nosos esforzos no noso propio grupo, xa que hai pouco entrou sangue novo e que necesitamos que adquiran responsabilidades. Entón, dentro do grupo, estamos a impulsar o estudio dos vectores. Estamos moi contentos coa RegaViVec (Xunta de Galicia) no que refírese ás carrachas. A financiación da Deputación Provincial de Lugo (Área de Rural, Vicepresidencia) axudounos para identificar por primeira vez en Galicia unha especie de Aedes japonicus.
Necesitamos apontoar ben esta rede e que a xente que entra nova saiba que o seu traballo é moi importante. Grazas a ese convenio que temos co Sergas que comentaba anteriormente, todos os días recibimos carrachas extraídas nos centros de saúde polos médicos de familia. Algo que redunda, de novo, no concepto de One Health.
Outra liña de investigación que estamos a impulsar é a monitorización da saúde dos sentinelas. Xa que realizamos extraccións de sangue, aproveitamos para ver os seus parámetros e identificar enfermidades, xa sexan zoonoses ou non. Ademais, dado que os propietarios destes animais colaboran, nós tamén lles devolvemos o favor, indicándolles, por exemplo, que o seu gando ten os glóbulos vermellos baixos ou que está parasitado e propoñéndolles unha estratexia de actuación.
Finalmente, tamén estamos a traballar no ámbito do benestar. O estado inmunitario define, en gran parte, se unha infección progresa ou non. Entón, se o animal está contento porque as súas condicións vitais son mellores, terá mellor resposta ás enfermidades. E, en definitiva, se eles non padecen as enfermidades, nós tampouco as padeceremos.