Javier Veloso: «O biocontrol non substitúe aos fitosanitarios, pero é clave para reducir o seu impacto ambiental»
Dende o laboratorio de Fisioloxía Vexetal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, Javier Veloso traballa para acadar un obxectivo que toca de preto o futuro da agricultura: protexer os cultivos de maneira sostible, reducindo o impacto ambiental e garantindo a seguridade alimentaria.
Epecializado no estudo da interacción entre plantas e patóxenos, o investigador do Grupo de Biodiversidade e Botánica Aplicada aposta por métodos alternativos ao uso de fitosanitarios químicos e pola aplicación de novas ferramentas biotecnolóxicas que abren camiño cara a unha produción máis respectuosa co medio.
Veloso, que desenvolveu parte da súa carreira na prestixiosa Universidade de Wageningen —referencia mundial en sanidade vexetal—, investiga hoxe en Lugo con cepas de fungos beneficiosos e metabolitos naturais capaces de frear patóxenos tan destrutivos como Botrytis, Phytophthora ou Monilinia. O seu traballo combina ciencia básica e aplicación práctica, coa mirada posta en que os agricultores galegos poidan dispoñer de ferramentas eficaces, seguras e viables economicamente.
Nesta entrevista, reflexiona sobre o impacto do cambio climático na aparición de novas enfermidades vexetais, sobre o papel do biocontrol como estratexia complementaria aos fitosanitarios tradicionais e sobre a importancia de formar novas xeracións de investigadores capaces de entender e coidar o equilibrio entre produción e natureza. A súa mensaxe é clara: «O estudo do campo é o estudo do medio natural que nos da vida; cómpre miralo máis de preto».
-A súa liña de investigación principal céntrase no control sostible de pragas e na interacción planta-patóxeno. Que lle motivou a especializarse neste campo tan crucial para o sector primario?
-Pois principalmente dous motivos. O primeiro é que o sector primario é unha actividade económica importante en Galicia, e as normativas europeas actuais están a ter un gran impacto na súa práctica.
Este impacto débese ao uso cada vez máis restritivo de fitosanitarios por mor do seu impacto no medio natural, o que fai que cada vez sexan máis necesarios métodos de control alternativos.
O segundo motivo é máis persoal. Dende neno estiven en contacto co campo na Galicia rural, e dende entón preocúpame o coidado do medio natural, do que temos a sorte de desfrutar en Galicia.
-Durante a súa tese doutoral estudou a interacción do pemento de Padrón con varios patóxenos e propuxo dúas metodoloxías prometedoras para o seu control sostible. En que punto atópanse actualmente esas investigacións?
-Estamos a traballar nas dúas metodoloxías actualmente. A primeira, o uso de metabolitos secundarios das propias plantas, amosa bos resultados, pero precisamos de métodos máis eficaces para a súa produción a gran escala.
A segunda metodoloxía, o uso de axentes de biocontrol, concretamente de cepas fúnxicas beneficiosas, estamos a traballar con diferentes especies, entre elas, Fusarium e Penicillium.
Na actualidade estamos a elaborar diferentes formulacións de produtos que permitan conservar a viabilidade destes organismos durante períodos prolongados de tempo e que reteña a súa capacidade protectora.
-Realizou unha estancia posdoutoral na Universidade de Wageningen, no laboratorio de referencia mundial para o estudo de Botrytis cinerea. Que aprendizaxes ou experiencias destacaría desa etapa e como inflúen hoxe no seu traballo?
-Botrytis cinerea é un patóxeno con gran impacto económico a nivel mundial e moitos grupos están a traballar no desenrolo de metodoloxías de control efectivas.
Ademais, debido á súa importancia, este patóxeno úsase como modelo de interacción planta-patóxeno para o estudo doutros patóxenos con mecanismos de infección similares. En Wageningen son centro de referencia no estudo de cultivos, dende mellora xenética a estudos de interacción planta-patóxeno.
No laboratorio de acollida para a miña estancia posdoutoral tiven a sorte de poder integrarme co grupo de referencia para o estudo de Botrytis a nivel mundial.
Ademais das técnicas de investigación máis punteiras, tiven acceso a interacción con varios grupos de investigación de enorme prestixio a nivel mundial cos que sigo colaborando a día de hoxe na miña investigación.
Estas interaccións con outros grupos de investigación son de enorme importancia para poder levar a acabo liñas de investigación de calidade.
-Nos seus estudos traballou con patóxenos de gran impacto como Botrytis, Verticillium, Fusarium, Phytophthora ou Monilinia. Que retos comúns presentan e que diferenzas máis relevantes observou entre eles?
-Todos estes patóxenos presentan gran dificultade para o seu control, pola súa virulencia e pola súa ubicuidade. Os patóxenos vasculares como Verticillium, Fusarium ou Phytophthora invaden os seus hospedes polas raíces e colonizan os feixes vasculares producindo diferentes niveis de murcha e podremia.
Estes patóxenos son máis difíciles de detectar no campo por que o seu micelio non chega a estar visible nas plantas con infección temperá. No caso de Botrytis ou Monilinia, soe verse afectada a parte aérea, follas, tallos, froitos, e os seus síntomas típicos consisten en podremias destes órganos que chegan a cubrirse visiblemente polo micelio do fungo.
Por estas diferenzas nos mecanismos de infección, os métodos de control deben adaptarse a cada patóxeno. Dos métodos mencionados anteriormente, o uso de metabólitos secundarios amosa un mellor efecto nos patóxenos da parte aérea xa que entran en contacto directamente co fumigante.
Sen embargo, o uso de axentes de biocontrol, como son as cepas fúnxicas beneficiosas de Fusarium e Penicillium, son máis efectivas fronte a patóxenos radiculares como son o caso de Verticillium ou Phytophthora.
-Recentemente publicou un artigo en Plant Pathology sobre a influencia da luz na infección de Monilinia fructíxena en nectarinas. Que implicacións prácticas poden ter estes achados na xestión de enfermidades en froiteiras?
-Monilinia é un importante patóxeno de poscolleita, que afecta á viabilidade económica dos froitos durante o seu almacenaxe antes e despois de ser distribuído aos puntos de venta.
Estes froitos poden conter pequenas cantidades do patóxeno que non son detectadas en campo e que se desenrolan durante o almacenaxe.
Reducir a virulencia do patóxeno depende de diferentes condicións ambientais, como é a iluminación. Sábese que a infección por Botrytis depende das condicións de luz e do ritmo circadiano do fungo. Nesta investigación observamos que algunhas especies de Monilinia son menos virulentas en condicións de luz que en escuridade.
Este coñecemento pódenos permitir deseñar mellores protocolos de almacenaxe para reducir o impacto deste patóxeno.
-O uso de axentes biolóxicos de biocontrol é unha das liñas que máis interese espertan no seu grupo. Cre que estes métodos poderán substituír nun futuro próximo aos fitosanitarios químicos ou convivirán como estratexias complementarias?
-O biocontrol é unha estratexia que se está a implementar con éxito para o control de diversos patóxenos e plagas na actualidade.
Sen embargo, son sempre métodos complementarios a outros mecanismos de control, como son os fitosanitarios químicos. O biocontrol é un método altamente especializado, que ademais depende de condicións ambientais adecuadas.
Por ilo, é necesario a súa complementación con métodos máis xenéricos que non precisan condicións ambientais concretas para a súa aplicación. O biocontrol permite reducir a cantidade de fitosanitarios químicos que se usan polo que permiten reducir o seu impacto negativo no medio ambiente.
Sen embargo é pouco probable que os substituían por completo. De maneira análoga ás finanzas, o máis intelixente é diversificar para asegurar o beneficio.
Por ilo, o uso de diferentes metodoloxías dentro do que se coñece como manexo integrado é a solución máis eficaz para reducir o impacto dos patóxenos nos cultivos.
-Tamén participou en estudos de xenómica e transcriptómica para comprender mellor os mecanismos de acción dos patóxenos e dos axentes de biocontrol. Que achegan estas tecnoloxías “ómicas” á investigación en fitopatoloxía?
-Estas tecnoloxías son de gran importancia para avanzar no coñecemento das enfermidades e no deseño de novas estratexias de control para combatelas.
Por exemplo, no caso do estudo xenómico da cepa de biocontrol de Fusarium, levounos a identificar varios xenes importantes para o proceso de biocontrol que usamos posteriormente para identificar novas cepas de biocontrol.
No caso do estudo xenómico do patóxeno Botrytis, permitiunos identificar os compoñentes xenéticos máis importantes para a súa virulencia, o que abre a porta a deseñar estratexias para minimizar ou inhibir a súa expresión e reducir así a súa virulencia, como por exemplo o citado traballo sobre a regulación da luz.
-Ademais do seu labor investigador, exerce como profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñería. Como integra a súa experiencia científica na docencia cos estudantes do Campus Terra?
-A transferencia de coñecemento é un papel fundamental para un investigador. Esta transferencia pode darse de diferentes maneiras, na aula, en eventos de divulgación ou en traballos especializados como son os artigos científicos.
Na aula intento incorporar o estudo de publicacións científicas punteiras no meu campo e relacionadas ca materia para que os alumnos entren en contacto con estas innovacións científicas e aprendan a interpretalas e aplicalas.
Tamén participo en eventos fóra da aula como é o caso do “Pint of science”, un evento internacional que temos a sorte de que tamén se organiza na cidade de Lugo, ao que acoden os alumnos con curiosidade sobre as investigacións que se fan no seu campus.
Nestes eventos de divulgación é importante amosar o impacto para a sociedade e a aplicabilidade deste coñecemento que afecta a un sector tan importante coma é o sector primario.
-O cambio climático está a modificar as condicións ambientais que favorecen ou limitan o desenvolvemento de patóxenos vexetais. Como se prepara a investigación en sanidade vexetal para este escenario?
-O cambio climático é un reto fundamental para o sector primario, especialmente en España. Os cambios en temperatura e humidade afectan enormemente a virulencia das enfermidades dos cultivos.
Na actualidade, estamos a estudar o impacto do cambio climático na incidencia de patóxenos en melocotón.
Datos preliminares amosan a emerxencia de novos patóxenos adaptados aos climas calorosos e secos. Esta sucesión de patóxenos podería implicar a necesidade da adaptación dos protocolos actuais para o control de enfermidades destes e outros cultivos.
O estudo destes cambios é apremiante xa que o sector primario estase a ver afectado xa na actualidade en grande medida polo cambio climático.
-Para rematar, que mensaxe lle gustaría transmitir aos estudantes e mozos investigadores que queren seguir unha carreira científica no ámbito da bioloxía vexetal e a protección de cultivos?
-Este ámbito de investigación é de gran importancia para a sociedade. A produción primaria é un sector estratéxico xa que permite a independencia alimentaria e o autoabastecemento. A sanidade vexetal afronta grandes retos de futuro, entre eles, o cambio climático e a adaptación a produción sostible.
A investigación neste campo require de coñecementos multidisciplinares que van dende a bioloxía molecular a técnicas básicas de manexo.
En definitiva, o estudo do campo é o estudo do medio natural que nos rodea, anímoche a que o vexas máis de preto.