Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación do Outono Cultural, ofrece o xoves 21 de novembro, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro 'As infraestruturas na provincia de Lugo a debate'. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
Falarán David Cota Mascuñana, profesor da área de Enxeñaría e infraestruturas dos transportes e do grao de Enxeñaría civil da USC, e Pedro Blanco Valcárcel, graduado en Enxeñaría civil e doutorando no departamento de Matemática aplicada da USC.
O encontro está coordinado pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.