Ir o contido principal

Presentación do libro ‘As arestas da sustentabilidade’ de Gumersindo Feijoo

05.11.2025 | 19.30h

Rúa do Vilar, 19
Santiago de Compostela

Portada do libro
Portada do libro

O catedrático de Enxeñaría Química e vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo, presenta o mércores 5 de novembro, ás 19.30 horas na Rúa do Vilar, 19, o seu libro As arestas da sustentabilidade, de Edicións USC. O acto, de acceso libre ata completar a capacidade da sala, está organizado polo Ateneo de Santiago.

O profesor Feijoo estará acompañado na presentación polo director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Luis Blanco Valdés, e polo directivo do Ateneo de Santiago Antón Porteiro.

Desde o momento en que se fraguou o concepto de desenvolvemento sostible en 1987 coa publicación do Informe Bruntland, afianzouse a idea de que protexer o futuro das próximas xeracións ten un carácter poliédrico xa que é preciso actuar en diferentes dimensións. Un dos retos sitúase na cuantificación da sustentabilidade, o que permite realizar unha diagnose adecuada do punto de partida e coñecer o impacto real dos diferentes escenarios. Precisamente, o libro analiza e avalía algunhas das arestas do poliedro partindo dos artigos que o autor foi publicando na plataforma The Conversations–España. A primeira aresta reflexiona arredor da pregunta Onde e como vivimos? A segunda céntrase en considerar as palabras e datos da sustentabilidade (economía circular, ecobranqueo, ecolóxico, etc.). A última aresta xira sobre a alimentación e a tradición. Coñecendo o pasado e analizando o presente, podemos minorar as incertezas do futuro, facenso, así xustiza ao refraneiro: “Tras a tempestade vén a calma”.

As investigacións de Gumersindo Feijoo abordan aspectos relacionados coa análise de ciclo de vida e as pegadas ambientais para a aplicación dos fundamentos da economía circular aos procesos produtivos do sector primario e secundario. Ten publicados máis de 350 artigos en revistas científicas internacionais e nove patentes ou marcas de garantía recoñecidas pola OEPM, destacando a explotación da ecoetiqueta Pescaenverde.

Atópase entre o 2% de científicos máis citados e influentes do mundo, segundo a base de datos elaborada pola Universidade de Stanford e a empresa Elsevier, unha actividade investigadora que compaxina cun importante número de accións de divulgación como conferencias en colexios, institutos, asociacións e concellos ou publicacións en medios de comunicación, o que lle supuxo gañar o Premio Madre Tierra da Federación Española de Recuperación e Reciclaxe en 2019, entre outros.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2025.