Ir o contido principal

Aberto o prazo de presentación de achegas para a V XIIIELC

As V Xornadas Internacionais de Iniciación á Investigación en Estudos da Literatura e a Cultura desenvolveranse en marzo de 2026
As V Xornadas Internacionais de Iniciación á Investigación en Estudos da Literatura e a Cultura desenvolveranse en marzo de 2026
As V Xornadas Internacionais de Iniciación á Investigación en Estudos da Literatura e a Cultura desenvolveranse en marzo de 2026

No mes de marzo do vindeiro ano, estudantes do programa de doutoramento en Estudos da Literatura e a Cultura, vinculado á Facultade de Filoloxía da USC, desenvolverán en Santiago as V Xornadas Internacionais de Iniciación á Investigación en Estudos da Literatura e a Cultura (V XIIIELC). A organización mantén aberta ata o 25 de novembro a chamada a contribucións en galego.

O encontro pretende ser unha ferramenta de difusión das investigacións en curso do estudantado de mestrado e doutoramento no ámbito deses estudos, ademais de se establecer como espazo privilexiado para o encontro, diálogo e intercambio entre persoal investigador.

O tema escollido para esta edición, ‘Materialidades: corpos, obxectos e con-textos’, convida a reflexionar sobre a dimensión material da literatura e da cultura: os corpos que producen e/ou len, os obxectos e soportes que as transmiten e as condicións concretas que as posibilitan ou as limitan.

No marco do xiro material das humanidades, entenden que a materia non é un mero soporte pasivo, senón unha forza activa, un axente que configura os modos de significar, percibir e coñecer. A literatura e a cultura revélanse así como prácticas encarnadas e situadas, atravesadas por corpos, infraestruturas, tecnoloxías e afectos. Deste xeito, nun presente marcado pola desmaterialización dixital, a crise ecolóxica e a precarización do traballo intelectual, as V XIIIELC propoñen repensar a literatura e a cultura a partir da materialidade: desde os corpos que as sosteñen ata os futuros posibles da materia na era tecnolóxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2025.