Arranca en Santiago o encontro bilateral das Conferencias de Reitores e Reitoras de España e Portugal
As Conferencias de Reitores e Reitoras de España (CRUE) e Portugal (CRUP) desenvolven este luns 10 e o martes un encontro bilateral na Universidade de Santiago, que deu comezo pola mañá en San Xerome coa reunión do pleno de CRUP.
O encontro bilateral propiamente dito inaugúrano no Centro de Estudos Avanzados (Parque Vista Alegre) o reitor Antonio López, o secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España, Francisco García Pascual; a súa homóloga de Portugal, Cláudia Sarrico; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a presidenta da CRUE, Eva Alcón Soler; e o presidente da CRUP, Paulo Jorge Ferreira.
Na xuntanza trataranse cuestións relacionadas con títulos conxuntos e a experiencia ‘Universidade sen fronteiras’, infraestruturas compartidas en investigación con atención ao caso de Braga, a implementación da ética na IA en educación superior e investigación, e colaboración científica, nomeadamente Open Science, Research Security e a promoción das publicacións científicas en español e portugués.
Logo do encontro, as persoas participantes asistien á mesa redonda ‘Galicia como ponte entre España e Portugal e a estratexia de internacionalización de ambos os dous países’. Ao remate, farán unha visita guiada pola Universidade de Santiago.
O martes 11, ás 9.30 horas de novo no Salón Reitoral de San Xerome, reunirase a xunta reitora da CRUE.