Ir o contido principal

O CiTIUS organiza un obradoiro para promover o uso das novas tecnoloxías no sector turístico

O obxectivo é dar a coñecer os proxectos das universidades e empresas galegas e a creación de sinerxías e consorcios

O CiTIUS celebra este martes 25 o obradoiro ‘Turismo e novas tecnoloxías’, primeiro evento que a USC dedica especificamente a esta temática e no que participan unha quincena de representantes de empresas galegas e universidades que están a desenvolver proxectos destinados á modernización do sector turístico. O panel ‘Solucións TIC para o turismo’ abrirá a quenda de intervencións ás 10.15 horas. A xornada quere dar a coñecer os proxectos de investigación que tanto universidades como empresas galegas están a desenvolver neste eido, e promover sinerxías e consorcios co fin de emprender iniciativas relevantes non só a nivel local senón tamén nacional e internacional. O programa estrutúrase en dous bloques, con dúas charlas centradas nas posibilidades que as TIC e a I+D+i lle ofrecen aos viaxeiros, e outras tantas mesas redondas nas que se reflexionará sobre as características e o futuro dos mercados turísticos galego e global. As tecnoloxías ao servizo do turista O primeiro bloque oriéntase ás múltiples oportunidades que as TIC lle ofrecen ao turismo, desde a instalación de software específico nas oficinas de información ou nos aloxamentos, ata a importancia que para este sector adquiriu a xeolocalización ou o crecente volume de recursos turísticos dispoñibles nos teléfonos de última xeración. A segunda parte centrarase no papel que a I+D+i xoga neste ámbito, tratando as iniciativas europeas sobre a materia e o binomio turismo-animación. Ademais, neste bloque abordaranse dous casos concretos: a análise das websites dos museos de Santiago de Compostela desde o punto de vista turístico e o proxecto Grupal TUR, de servizos de recomendación para grupos baseados en contexto e orientados á desestacionalización do turismo en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2012.