Ir o contido principal

Unha conferencia na Escola Politécnica Superior de Lugo analiza as posibilidades de atopar vida en Marte

O doutor Felipe García-Oliva, da UNAM mexicana, falará sobre a biodiversidade das bacterias e o desenvolvemento dos ecosistemas en condicións extremas

O doutor en Ecoloxía Felipe García-Oliva, da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), impartirá este martes 2 unha conferencia sobre as posibilidades de atopar vida na superficie marciana. O relatorio desenvolverase na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus de Lugo a partir das 13.00 horas. Na súa intervención, García-Oliva (experto en bioxeoquímica dos ecosistemas terrestres) achegará os resultados recollidos desde o ano 2002 polo seu equipo de investigación no val de Cuatro Ciénegas (México), un dos lugares da Terra nos que se reproducen con maior aproximación as condicións da superficie marciana, debido á súa escasísima pluviosidade, á carencia de fósforo e á abundancia de xeso no substrato. Malia esta escaseza de nutrientes, Cuatro Ciénegas é un dos lugares con maior diversidade bacteriana do planeta, o que pode axudar a entender como a vida se desenvolve en condicións extremas. Esta conferencia celébrase días despois de que a información recompilada pola sonda Curiosity da NASA confirmase a existencia de correntes de auga na superficie marciana, o que incrementa a posibilidade de que no planeta vermello se desenvolvese algunha forma de vida no pasado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2012.