Ir o contido principal

Constatan unha elevada diferenciación dos exemplares de ‘Arnica montana’ da Península Ibérica respecto do resto de Europa

Exemplar de árnica
Exemplar de árnica
Esta é unha das conclusións ás que chegou un equipo do Campus Terra da USC no marco do proxecto que se está a desenvolver co apoio da Deputación Provincial de Lugo
Lugo

Arnica montana L. (árnica) é unha planta medicinal amplamente utilizada en farmacia e cosmética. O abastecemento dos mercados —a demanda anual sitúase arredor das 50 toneladas de flor seca— faise fundamentalmente a partir de material procedente das poboacións naturais. Esta extracción intensa e continuada xunto cos cambios de uso do territorio, levou a unha diminución constante de moitas das súas poboacións, ata o punto de que nalgúns países a especie desapareceu ou está moi comprometida a súa supervivencia. Esta situación de incerteza levou a un equipo da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC a profundar nesta planta no marco dun proxecto que recibe apoio da Deputación Provincial de Lugo e no que se acaba de constatar a elevada diferenciación dos exemplares de árnica da Península Ibérica con respecto aos do resto de Europa.

O equipo está integrado por Manuel Vera Rodríguez, profesor da área de Xenética na Facultade de Veterinaria e membro do grupo ACUIGEN; e Rosa Romero Franco, da Área de Produción Vexetal da EPSE e do grupo SILVOPLAST. Son colaboradores Carmen Bouza, Adrián Casanova e Fernando Cabana, tamén de ACUIGEN e do Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física; e Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Carlos Real e Antonio Rigueiro, da EPSE.

Novas mostraxes 

Este equipo de especialistas está a manter e realizar o seguimento dos exemplares presentes no cultivo controlado da EPSE das diferentes variedades de árnica existentes en Galicia. En 2025, realizáronse novas mostraxes na zona pirenaica que axudarán a delimitar os diferentes grupos poboacionais da especie na Península Ibérica e a determinar a singularidade das poboacións galegas e lucenses a nivel xenómico. “Estas novas localidades tamén se están analizando para coñecer o seu contido en metabolitos secundarios e poder asignalas aos distintos quimiotipos descritos en A. Montana”, sinalan dende o equipo investigador.

Tamén se obtiveron os primeiros resultados sobre a dinámica reprodutiva da especie, que suxiren unha preferencia pola polinización por exemplares procedentes da mesma localidade da planta polinizada, sendo esta polinización múltiple nas diferentes flores estudadas. Polo de agora, descríbense niveis baixos de diversidade xenética a nivel xenómico, así como unha diferente estrcturación poboacional da diversidade en marcadores moleculares neutrais e en marcadores suxeitos a selección (outliers). Algúns destes últimos marcadores atopáronse asociados a xenes relacionados con procesos de defensa e desenvolvemento en plantas, que poderían estar  implicados en mecanismos de adaptación local.

Finalmente, as colaboracións internacionais coa Universidade Libre de Berlín (Freie Universität Berlin) permitiron desenvolver un estudo a nivel filoxenético a partir do xenoma cloroplastídico completo, no que se destaca a elevada diferenciación dos exemplares da Península Ibérica respecto dos presentes no resto de Europa.

Estudos previos

Os estudos previos realizados dende 2017 grazas tamén ao financiamento da Deputación Provincial de Lugo, permitiron identificar unha variabilidade xenética importante entre as distintas poboacións analizadas en Galicia, coa presenza de diferentes grupos poboacionais, de tal xeito que parece existir unha relación directa entre a tipoloxía bioquímica e a variabilidade xenética atopada nas distintas poboacións de árnica analizadas. Así, para evitar a perda de poboacións naturais de árnica, no ano 2018, puxéronse en marcha parcelas de cultivo na localidade lucense de Xermar. “Os traballos realizados puxeron de manifesto que a planta pódese domesticar con éxito ofrecendo incluso rendementos produtivos moi superiores aos que se atopan nas poboacións naturais”, explica o responsable dos estudos xenéticos e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, Manuel Vera Rodríguez.

Tendo en conta estes antecedentes, e sabendo que a árnica é unha planta que está presente en todo o norte peninsular, fíxose necesario estender os estudos de caracterización morfolóxica, bioquímica e xenética a poboacións doutros territorios do norte peninsular para coñecer a distribución dos distintos grupos. Por este motivo, na anualidade de 2021, analizáronse diferentes poboacións procedentes de Asturias, Castela-León, País Vasco e Cataluña. O resultados indicaron que as poboacións situadas na costa cantábrica estarían máis relacionadas coas poboacións galegas de quimiotipo ibérico, mentres que as poboacións de Castela-León e Cataluña estarían máis relacionadas coas poboacións da Serra do Courel que presentan o quimiotipo Europeo. “Estes resultados subliñaron a importancia das poboacións galegas para o mantemento do grupo ibérico, xa que é na nosa comunidade onde se conservan as mellores poboacións de árnica”, subliña o profesor Vera, investigador do grupo ACUIGEN.

Elaboráronse diferentes librarías xenómicas empregando tecnoloxías de secuenciación de nova xeración e xenotipado por secuenciación e  mantivéronse os cultivos de Arnica montana L. na finca de prácticas da EPSE da USC situada en Montirón para poder facer un seguimento máis doado dos bancais, que continuou durante o ano 2023 onde se caracterizaron xenericamente todos estes exemplares, engadindo tamén unha nova localidade natural lucense procedente de Samos, alén de crearse un sementeiro procedente de flores de tres exemplares do cultivo procedentes de Pontepedrido.

Sinerxías europeas 

En 2024 mantívose o seguimento dos exemplares presentes no cultivo controlado da EPSE das diferentes variedades de árnica presentes en Galicia, ademais dos máis de 400 exemplares obtidos nos sementeiros. Todos os exemplares do cultivo e unha selección de exemplares do sementeiro (que son o resultado do cruzamento entre os exemplares de cultivo) vanse analizar a nivel xenómico para estudar as dinámicas reprodutivas na especie. Durante esta anualidade obtívose tamén o primeiro ensamblado do xenoma de árnica proporcionado polo CNAG e que será a base dos estudios de variación adaptativa que se pretenden realizar durante o ano 2025. Grazas tamén ao desenvolvemento do xenoma e ao financiamento da Deputación, iniciouse unha colaboración con diferentes grupos europeos interesados na conservación e xestión da árnica ao longo do seu rango natural, que vai dende a Península Ibérica ata a Península Escandinava e os Cárpatos, para realizar estudos e trazar estratexias que permitan o mantemento a longo prazo e a explotación da especie.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2025.