Ir o contido principal

Un de cada dez nenos e nenas recoñece sufrir ciberacoso, e un de cada tres adolescentes violencia dixital na parella

A falta de normas e límites no uso da tecnoloxía, xunto cun mal exemplo por parte dos adultos, duplica as diferentes condutas de risco en liña. FOTO: Santi Alvite
A falta de normas e límites no uso da tecnoloxía, xunto cun mal exemplo por parte dos adultos, duplica as diferentes condutas de risco en liña. FOTO: Santi Alvite
Estes son algúns dos resultados do informe ‘Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social’ que codirixe a USC
Santiago de Compostela

Os e as adolescentes están rexistrados en redes sociais de forma masiva: o 92,5% participa en polo menos unha rede social e o 75,8% en tres ou máis. Mesmo nos últimos cursos de Primaria, o 78,3% xa ten presenza nalgunha rede. Pero o impacto da tecnoloxía vai moito máis alá do lecer ou a comunicación. Estes son algúns dos resultados de ‘Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social’, estudo elaborado pola USC, Red.es, UNICEF España e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería Informática. Froito dunha consulta a case 100.000 nenos, nenas e adolescentes de toda España, esta investigación –a de maior alcance a nivel mundial sobre o impacto da tecnoloxía na infancia e a adolescencia dun país– ofrece unha fotografía nítida dunha xeración hiperconectada e que, aínda que máis consciente dos perigos da Internet, segue enfrontándose a graves desafíos emocionais e de convivencia.

A gran maioría accede ás redes e outros contidos desde o seu propio dispositivo. A presenza do teléfono móbil faise patente desde os últimos anos de Primaria: aos 10 anos, o 41% dos nenos e nenas dispón de móbil propio, porcentaxe que ascende ao 76% aos 12 anos de idade. Na ESO, practicamente todos –o 92,8%– ten o seu propio teléfono, sendo a idade media de acceso ao móbil os 10,8 anos.

O uso problemático das redes ten consecuencias 

Case un 9% dos mozos e mozas de entre 10 e 20 anos dedica máis de cinco horas diarias ás redes sociais entre semana, unha cifra que se eleva ata case o 20% durante a fin de semana. Ademais, o 5,7% podería desenvolver un uso problemático das redes sociais, porcentaxe que alcanza o 7,7% entre quen cursa Bacharelato – a etapa máis vulnerable – e que é significativamente maior entre as mozas, o que evidencia importantes diferenzas de xénero nesta problemática. Este uso intensivo asóciase a maior ansiedade, peor calidade de vida e maior exposición a situacións de acoso, ciberacoso ou control na parella a través de medios dixitais. “O 25% dos adolescentes declara sufrir acoso escolar, preto do 10% ciberacoso, e un de cada tres novos con parella recoñece vivir control ou chantaxe a través do móbil ou as redes”, sinalou Antonio Rial, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, quen advertiu de que “estas formas de violencia dixital están cada vez máis presentes na vida cotiá dos adolescentes”.

Aínda que os riscos continúan, obsérvanse avances no uso responsable da internet. O 58,4% dos enquisados falou con persoas descoñecidas na rede, o 25,1% recibiu mensaxes de carácter sexual e case o 9% recibiu presións para enviar fotos ou vídeos de carácter erótico ou sexual, pero estes datos son mellores que os rexistrados en 2021, no informe Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. A exposición á pornografía segue sendo un reto: o 29,6% di consumila nalgunha ocasión, nun de cada tres casos de maneira fortuíta. O consumo iníciase de media aos 11,5 anos, e o 70% dos enquisados manifesta que non fala de sexo en casa.

A falta de normas e límites no uso da tecnoloxía, xunto cun mal exemplo por parte dos adultos, duplica as diferentes condutas de risco en liña. Por exemplo, a porcentaxe de mozos e mozas que pasa máis de 5 horas ao día en redes sociais as fins de semana é do 17,9% entre aqueles cuxos pais non usan o móbil durante as comidas, e ascende ao 24,6% se os pais si usan o móbil. O mesmo ocorre co consumo de pornografía (27,5% versus 34,3%) ou aceptar a descoñecidos en redes (31,6% fronte a 40,3%).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2025.