Ir o contido principal

Especialistas internacionais no teatro, historia e as artes do século XVII iniciaron na USC o seu congreso internacional

O reitor Juan Casares coa decana de Filoloxía e o catedrático Santiago Fernández
O reitor Juan Casares coa decana de Filoloxía e o catedrático Santiago Fernández

Unha vintena de especialistas internacionais no teatro, a historia e as artes do século XVII iniciaron este xoves 27 no Centro de Estudos Avanzados da USC o Congreso Internacional ‘ Festas calderonianas e comedias de espectáculo no Século de Ouro’. O reitor Juan Casares presidiu a sesión inaugural do encontro, na que participaron ademais a decana de Filoloxía, María José López Couso, e o catedrático Santiago Fernández Mosquera. Casares destacou a calidade dos relatores así como o esforzo do Grupo de Investigación Calderón por facer posible unha reunión con profesionais tan reputados no seu campo. Xunto a Don W. Cruickshank, da University College Dublin, interveu a súa colega Alejandra Ulla, co organizadora do encontro. Na súa lección ‘A actividade teatral dun dramaturgo cortesán en tempos de luto (1665-1671)’ apuntou unha actividade pouco asociada a Calderón de la Barca, que era a do teatro popular. O dramaturgo, “nun período de escasos encargos desde a corte, reescribiu obras de teatro para adaptalas aos corrais de comedia onde se xuntaba o populacho e así ter algún ingreso económico”, explicou. O grupo de investigación Calderón da USC (GIC) que dirixe o profesor Luis Iglesias Feijoo e do que son membros os organizadores do congreso, conta para este encontro coa colaboración de GRISO, da Universidade de Navarra e o patrocinio de TC/12 ‘Patrimonio Teatral Clásico Español. Textos e instrumentos de investigación’, único proxecto do ámbito das humanidades de España seleccionado polo programa ministerial Consolider, do que o grupo Calderón forma parte. Sir John Elliot Entre os participantes do encontro atópase Sir John Elliot, Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais en 1996 e prestixioso hispanista recoñecido internacionalmente polas súas investigacións fundacionais sobre historia de España. O seu traballo foi xermolo doutros traballos considerados imprescindibles arredor da literatura do século XVII e o seu significado. O investigador participa como relator nunha mesa redonda sobre a interpretación política das festas calderonianas. O Grupo Calderón da USC O Grupo de Investigación Calderón de la Barca (GIC) fundouse en 1994 baixo a dirección de Luis Iglesias Feijoo, co obxecto de editar as comedias de Calderón. Logo de varios anos de traballo publicaron as seis primeiras partes do dramaturgo, un total de setenta e dúas comedias editadas con criterios de fiabilidade textual nunca antes aplicados sistematicamente ao conxunto da obra de Calderón de la Barca. Ademais da tarefa principal que supón a edición e estudo das comedias calderonianas, o GIC fomenta e mantén outro tipo de actividades que van dende a organización de cursos, congresos ou conferencias ata a publicación conxunta co grupo GRISO da Universidade de Navarra da revista monográfica sobre o dramaturgo Anuario Calderoniano (ACAL). Ademais, o GIC promove na USC o Seminario Permanente Calderón de la Barca e o seu Tempo no que impartiron seminarios e conferencias os mellores especialistas mundiais na comedia do Século de Ouro. A actividade investigadora e formativa do grupo está recoñecida cun número crecente de proxectos de investigación por parte da administración española e galega, ademais de participar como membro fundador no grupo CONSOLIDER TC/12 que reúne aos grupos de investigación máis importantes dedicado ao estudo do teatro áureo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2012.