Ir o contido principal

Estudantes de arqueoloxía experimental ‘viaxarán’ ao Paleolítico e á Idade do Ferro

Estudantes de arqueoloxía experimental ‘viaxarán’ ao Paleolítico e á Idade do Ferro
Estudantes de arqueoloxía experimental ‘viaxarán’ ao Paleolítico e á Idade do Ferro
Celebran este venres una xornada en Santiago na que elaborarán cervexa, lanzarán proxectís, fabricarán ferramentas e esfolarán animais

Estudantes da materia Arqueoloxía Experimental do Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC participan este venres 24 nunha xornada experimental que terá lugar no espazo dedicado a tal fin no Campus Vida (entre a residencia Monte da Condesa e o Polideportivo universitario). Entre as 10.00 e as 15.00 horas, tutelados por estudantes de doutoramento da USC e da Universidade Rovira i Virgili de Tarragona, os estudantes realizarán diversas actividades arqueolóxicas centradas no Paleolítico e a Idade do Ferro. Nesta xornada experimental, que organiza o grupo de estudo para a Prehistoria do noroeste ibérico (GEPN) da USC, realizarán numerosas actividades relacionadas coa talla lítica, o procesamento cárnico, os útiles compostos, gravuras, proxectís, trampling, marcas de uso en cerámica, cadea operativa da cervexa na Idade do Ferro, decoración de cerámica e preparación de barreiras. En concreto, entre as moitas accións a levar a cabo o estudantado esfolará un coello en fresco e outro previamente cociñado con útiles líticos e fracturarán e queimarán os ósos para estudar as marcas que na época se producían como resultado da acción de carnicería. Ademais, elaborarán adhesivos a base de resina de piñeiro para fabricar ferramentas, dispararán cun arco proxectís de diferentes materias primas ou elaborarán e trasfegarán mosto de cervexa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2015.