Formación do Profesorado acollerá no mes de xullo o proxecto educativo de obradoiros infantís ‘Ao redor da natureza’

A Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo acubillará do 30 de xuño ata o 1 de agosto o proxecto educativo de obradoiros ifantís ‘Ao redor da natureza’, unha iniciativa lúdica e didáctica desenvolvida pola emprega Ogmius Galicia en colaboración coa USC e dirixida á participación de nenos e nenas de entre tres e doce anos.
O programa ‘Ao redor da natureza’, que está estruturado en cinco obradoiros, que se desenvolverán en quenda de mañá e cunha duración semanal, é o resultado dunha iniciativa emprendedora proposta polo estudante da facultade luguesa Óscar Porto que obtivo o total respaldo do profesorado do centro, así como da propia comunidade estudantil. Este programa lúdico e educativo, que tamén atopa entre as súas finalidade a de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, presenta un fondo substrato educativo, segundo salientou o decano da Facultade de Formación de Profesorado da USC, Francisco Rodríguez Lestegás, que ve nesta dimensión educativa o elemento que diferencia ‘Ao redor da natureza’ doutros campamentos estivais. O promotor deste proxecto, Óscar Porto, indicou os obxectivos deste programa de obradoiros para que os nenos poidan coñecer e investigar o mundo que os rodea pasan por aproximarse ao mundo natural a través de pequenas investigacións científicas, aprender a xerar imaxinario persoal á marxe dos modelos establecidos, valorar as matemáticas como instrumento na arte e na ciencia, establecer novas ferramentas de creación e novas formas de facer e coñecer e aplicar técnicas de materias plásticos, visuais, fotografía... O abano de actividades educativas ofertadas ao abeiro de ‘Ao redor da natureza’ xiran ao redor de tres áreas básicas no contexto do ensino primario, tales como o son Educación Artística, Coñecemento do medio social e cultural e Matemáticas, lembrou Óscar Porto. Asemade, os profesores da Facultade de Formación de Profesorado Virginia Aznar, Pablo González Sequeiros e Salvador Cidras, que, xunto co tamén docente de Didáctica de expresión plástica na facultade luguesa Vicente Blanco, participan de xeito activo neste programa, destacaron que este proxecto constitúe unha moi boa oportunidade para nenos e nenas, pero tamén para os estudantes dos graos de Mestre en Educación Infantil e Educación Primaria, porque “terán a oportunidade de poñer en práctica con total liberdade os coñecementos teóricos e as metodoloxías aprendidas no seu periplo formativo”. A inscrición nos distintos obradoiros ofertados a través do programa ‘Ao redor da natureza’ permanece xa aberta na web www.ogmiosgalicia.com, onde as persoas interesadas tamén poderán consultar toda a información relativa ao desenvolvemento do programa e as temáticas que se tratarán, ademais das datas de celebración de cada un dos obradoiros previstos. A matrícula tamén poderá facerse de xeito presencial nas librarías Biblos, Souto e Trama da capital luguesa, que son establecementos colaboradores deste proxecto.