Ir o contido principal

O grupo Histagra da USC traslada a Teo os traballos do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática

Os traballos de exhumación comezaron xa en Luou. Foto: Lentes Diverxentes
Os traballos de exhumación comezaron xa en Luou. Foto: Lentes Diverxentes
Comezan a exhumar unha fosa da resistencia armada antifranquista emprazada no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou
Santiago de Compostela

Logo de rematar en Rianxo, o grupo HISTAGRA da USC e do CISPAC trasladou este luns 10 os seus traballos ao concello de Teo para estudar e exhumar unha fosa da resistencia armada antifranquista emprazada no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou na que se atopan os restos de catro membros da V Agrupación comandada por Benigno Andrade, o “Foucellas”.

En concreto, nesta fosa foron inhumados Ricardo Fernández Carlés, natural de Pontecesures; Florentino Menéndez Palacios, de Peñarrubia (Sama de Langreo); Manuel Agrasar Cajaraville, o “Barbarroxa”,  da Matanza (Iria Flavia, Padrón); e Vicente López Novo, co alcume de “el hijo de la Nova”, natural de Santa Uxía de Ribeira.  

No informe histórico preliminar estanse a analizar as diferentes fontes e relatos que conducen a diversas hipóteses sobre o acontecido durante o enfrontamento que tivo lugar o 19 de maio de 1948 no lugar de Loureiro, parroquia de Luou. Ese enfrontamento resultou na morte deles catro máis dun garda civil. Lograron escapar, pola parte da resistencia, “Foucellas” (Benigno Andrade) e Xosé Ramuñán Barreiro.

A campaña de 2025

O convenio de colaboración para poñer en marcha a anualidade 2025 do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, seguindo o impulso da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, asinárono o pasado agosto a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Logo dos traballos en Rianxo e Teo, a campaña deste ano continuará coa investigación histórica da fosa de Riberias de Sor (Mañón). Así mesmo, procederase coas labores de recoñecemento nos espazos de defunción das campañas pasadas.

Por parte da USC, a través do Grupo Histagra, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o doutor en Historia e profesor Antonio Miguez Macho coordinan un equipo de investigación formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC Jose Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do IMELGA Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses 'Luis Concheiro' dirixido por María Victoria Lareu.

O grupo ten xa actualizado o mapa de fosas de Galicia para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista.

O Plan 

O Plan cuadrienal integra tres liñas estratéxicas fundamentais das políticas públicas de Memoria Democrática que se pretenden desenvolver ao longo do período (2025-2028), aínda que os seus obxectivos sexan revisables de forma anual: localización, exhumación das fosas e identificación de vítimas; divulgación de traballos efectuados e resultados conseguidos, e recoñecemento dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria.

De novo, a axuda e a presenza da sociedade civil de Galicia, a través das asociacións de memoria democrática, investigadores locais e familiares de asasinados/as, convértese nun piar fundamental da investigación, de igual xeito que foi para a boa marcha de nomesevoces.net. É por iso que dende o grupo fan un chamamento a todas aquelas persoas e entidades que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativas a elas.

En 2021-2024 realizáronse os traballos de investigación e exhumación das fosas de Vilagarcía de Arousa e Crecente (2021), Celanova, Lousame e A Capela (2022), Narón Fase I, Oza-Cesuras e Viana do Bolo (2023), Cabreira (Salvaterra de Miño) e O Val Fase II (Narón) (2024).
 

Trátase dunha fosa da resistencia armada antifranquista emprazada no cemiterio da igrexa de Santa María. Foto: Lentes Diverxentes
Trátase dunha fosa da resistencia armada antifranquista emprazada no cemiterio da igrexa de Santa María. Foto: Lentes Diverxentes
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2025.