Os grupos de investigación da USC presentaron un total de 25 propostas ao Acelerador de Transferencia
O vindeiro mes de outubro serán presentados ao Comité Avaliador do Acelerador de Transferencia da USC os once proxectos que, tendo en conta o seu grado de madurez, expectativa de retorno e adecuación ás características deste programa, foron preseleccionados contando coa experiencia previa de ISIS, da Universidade de Oxford, na xestión deste tipo de programas. Con este motivo, o equipo de profesionais de ISIS formado por Mireya McKee e Robin Carter traballa estes días con técnicos da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) dependente da Vicerreitoría de Investigación e Innovación da USC, examinando todos os detalles necesarios para que o Comité de Avaliación poida facer a súa valoración e propostas de financiamento. Este novo programa da USC, denominado Acelerador de Transferencia, foi lanzado o pasado mes de xuño con fondos do proxecto Campus Vida e ten por obxectivo conseguir un impacto directo na sociedade dos resultados obtidos polos laboratorios e centros de investigación da USC. En palabras de José Luís Villaverde, responsable da AVTE, “o impacto social e económico dos resultados de investigación vese a miúdo obstaculizado pola existencia dunha fenda entre o grao de desenvolvemento do coñecemento ao final do proxecto de investigación e o estado no que os potenciais adquirentes ou usuarios da tecnoloxía poden chegar a mostrar interese”. O Acelerador trata precisamente de iniciar o proceso para superar esta fenda e, polo tanto poñer en marcha, novos procesos de transferencia. Requisitos dos proxectos candidatos O Acelerador de Transferencia financia só accións críticas que permitan que un resultado de investigación, de calquera área de coñecemento, incremente de xeito claro as súas posibilidades de captar a atención dun potencial cliente, e polo tanto o seu achegamento ao mercado. Ademais do grao de madurez do proxecto, valóranse especialmente criterios como o grao de novidade, a importancia da necesidade social que busca satisfacer ou a súa potencialidade comercial e, nos casos nos que este factor é importante, a posibilidade de protexer os resultados obtidos mediante patentes ou mecanismos similares. Baixo estes requisitos, nos últimos meses presentáronse 25 propostas dos diferentes grupos de investigación como candidatos a formar parte do grupo inicial de proxectos asesorados. A próximo outubro o comité de avaliación (formado por representantes da USC, de ISIS Innovation e expertos en innovación de diversas empresas autonómicas e estatais) dará a coñecer os seleccionados. “Os proxectos finalmente seleccionados deberan ser os máis maduros, é dicir, con resultados probados a diferentes niveis, para garantir o inicio do proceso de transferencia ou a posibilidade de desenvolver un modelo de negocio que faga viable unha nova empresa”, engade Villaverde. O persoal técnico da AVTE involucrarase en cada un dos proxectos seleccionados durante todo o proceso e o seu apoio poderá ampliarse unha vez finalizado o proceso de asesoramento e valorización para facilitar a súa posta no mercado.