Ir o contido principal

José Caballo mostra as súas pinturas con solo no Museo de Historia Natural da USC

A exposición ‘Solo Arte. Pintando con solo’ inaugúrase este xoves 23 ás 20.00 horas

Enmarcada nas actividades conmemorativas de 2015 Ano Internacional do Solo, o Museo de Historia Natural da USC inaugura este xoves 23 ás 20.00 horas a exposición ‘Solo Arte. Pintando con solo’, unha proposta pictórica de José Caballo (Ferrol, 1933) que emprega mostras recollidas para elaborar o Mapa de Solos de España 1:1000.000 publicado polo CSIC en 1968. A comezos da década de 2000, traballando como axudante técnico no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), José Caballo descubre o solo como fonte directa de pigmentos e texturas, que dende ese momento ata o actual incorpora á súa obra pictórica. A través dos diferentes elementos da exposición aprécianse aspectos relevantes das cores que presentan os solos e cómo estes foron empregados polo artista nas súas composicións paisaxísticas, de aldeas, vilas e reproducións de pezas do patrimonio cultural prehistórico e da Idade Media. A mostra inaugurarase nun acto no que, ademais do autor, interveñen a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; e a directora do Museo de Historia Natural da USC, María Isabel Fraga, que forma parte do comité organizador xuto cos docentes da USC María Teresa Barral Silva e Eduardo García-Rodeja Gayoso e a investigadora do IIAG Montserrat Díaz Raviña.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2015.