A Orquestra do Espazo de Cámara da USC ofrece o luns 4 en Lugo ‘Un paseo pola música’, que tamén levará a Santiago e Rianxo
A Orquestra do Espazo de Cámara da USC ofrecerá este luns, a partir das 21.00 horas, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, o concerto comentado ‘Un paseo pola música’, no marco do que fará unha viaxe pola historia da música desde o Renacemento ata a actualidade, a través da interpretación de pezas de compositores representativos dos distintos movementos artísticos.
O programa do concerto que ofrecerá o 4 de maio en Lugo a Orquestra do Espazo de Cámara da USC e que logo repetirá o martes 5 na igrexa da Universidade, en Santiago de Compostela, e o 6 de maio no auditorio municipal de Rianxo, fai honra ao título e constitúe unha certeira viaxe pola historia da música a partir do século XVI ata a actualidade. ‘Todas as persoas que na Terra moran’, de John Dowland, un compositor do Renacemento, é a peza que abre este ‘Paseo pola música’ da Orquestra do Espazo de Cámara da USC, que logo transitará polo Barroco da man de J. S. Bach e o seu ‘Concerto de Brandeburgo nº3’, para aproximarse ao Clasicismo co ‘Quinteto op.56 No.3 en Fa Maior 1º mov’, de F. Danzi, e chegar ao Romanticismo coa peza de Tchaikovsky ‘Elexía para orquestra de corda’. ‘Dúas melodías elexíacas’, de E. Grieg, un dos máximos expoñentes das correntes artísticas agromadas nos chamados Nacionalismos, ‘For children’, unha composición xa do século XX cuxa autoría corresponde a B. Bartok, e ‘Pigmalion’, de Piazzolla (1921-1997) completan o programa deste concerto comentado, cuxa entrada é libre e de balde para todo o público interesado. A Orquestra do Espazo de Cámara da USC que dirixe Mario Diz, conta para este concerto coa participación de diversos profesores, tales como o son Roberto Santamarina (violíns), do CMUS de Santiago; Sara E. Olianas (violas); Guillermo Alzugaray (violonchelos), da EMM Santiago de Compostela, e Iago Lariño (ventos), do CMUS Pontevedra. A esta relación de profesionais da música cómpre sumar un amplo elenco de músicos afeccionados, que na actualidade compaxinan a súa participación como instrumentistas (violíns, violas, violonchelos, contrabaixos, frautas, óboes, clarinetes, fagots, trompas, percusión ou clave) na Orquestra do Espazo de Cámara da USC co estudo de moi diversas titulacións universitarias na institución académica compostelá. Historia e bagaxe da Orquestra do Espazo de Cámara da USC A Orquestra do Espazo de Cámara da USC nace co obxectivo de impulsar na mocidade universitaria un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música. Co patrocinio da Vicerreitoría de Cultura, o grupo que conforma a Orquestra da USC procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Para este fin, conta e agradece todo tipo de colaboracións, que se van plasmando de xeito diverso en cada proxecto. Dende 2010, a Orquestra da USC afondou en proxectos de moita ilusión, como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez, especialmente convidada para este evento, o Concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior, interpretado por Carlos G. Amigo, monográfico sobre Astor Piazzolla, monográfico sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Máis recentemente, a orquestra da Universidade compostelá interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi. Na actualidade e en colaboración coa Aula de Teatro da USC, a orquestra dirixida por Mario Diz está a realizar unha versión do musical ‘ Sweeney Todd’, de Stephen Sondheim. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto a Sinfónica de Galicia, e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas. A Orquestra do Espazo de Cámara da USC, un proxecto artístico ao que se incorporaron no tempo diversos profesores da Orquestra da Cidade, Real Filharmonía de Galicia, así como outros profesores relevantes do ámbito musical galego, vén de ser recentemente incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan orquestras de máis de 28 nacionalidades de toda Europa.