Ir o contido principal

O profesor Álvaro Goyanes repite como o único científico da USC no Highly Cited Researchers 2025

Álvaro Goyanes pertence ao departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e está vinculado ao Instituto de Materiais da USC. FOTO: Santi Alvite
Álvaro Goyanes pertence ao departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e está vinculado ao Instituto de Materiais da USC. FOTO: Santi Alvite
Esta clasificación elaborada por Web of Science recolle un total de 6.868 persoas de 60 países ou rexións
Santiago de Compostela

O profesor da Facultade de Farmacia da USC Álvaro Goyanes é o único investigador da USC recollido no Highly Cited Researchers 2025. A máis recente listaxe que elabora anualmente o grupo Web of Science recoñece o persoal investigador que demostrou un influxo significativo a través da publicación de múltiples artigos, altamente citados, na última década. A listaxe deste ano rexistra un total de 6.868 persoas de 60 países ou rexións. Na análise 2025 do Highly Cited Researchers, os artigos tomados en consideración foron os publicados e citados entre 2014 e 2024 e que lograron situarse no 1% dos máis citados dentro do seu eido. 

Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese ‘Avaliación dalgunhas aproximacións tecnolóxicas para incrementar a velocidade de disolución de fármaco en pelets de celulosa microcristalina’, Álvaro Goyanes pertence ao departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e está vinculado ao Instituto de Materiais da USC (iMATUS). 

A súa actividade céntrase no ámbito da impresión 3D de medicamentos con doses personalizadas e é co-fundador e anterior CEO da start up FABRX, a primeira compañía dedicada á impresión 3D de medicamentos personalizados. Tamén é co-fundador de FABRX Artificial Intelligence, empresa galega dedicada ao uso da intelixencia artificial no desenvolvemento de medicamentos. 

Publicou arredor dun cento de artigos e é un recoñecido experto mundial neste tipo de impresión con máis de 200 comunicacións en conferencias internacionais. Goyanes foi un dos primeiros investigadores en avaliar as oportunidades da impresión 3D utilizando novas tecnoloxías para fabricar formas de dosificación oral. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2025.