A Rede Regata reuniuse con empresas galegas para coñecer as súas últimas innovacións en tratamento de augas

Os grupos de investigación en tratamento de augas que conforman a Rede REGATA participaron o venres pasado na Coruña nunha xornada enfocada á presentación das innovacións empresariais en Galicia neste eido. O encontro contou coa asistencia dunhas 60 persoas, entre as que había ademais representantes de empresas, Administración e centros de investigación. A profesora da USC Anuska Mosquera Corral, responsable da xornada, foi a encargada de presentar o catedrático da USC Juan Lema Rodicio, que dedicou a súa intervención a explicar os obxectivos da Rede Galega para o Tratamento de Augas (REGATA), constituída o pasado novembro por dez grupos de investigación das tres universidades galegas e que el mesmo coordina. A rede ten como retos concretos, entre outros, a recuperación de recursos de augas residuais (auga, enerxía, produtos químicos, bioplásticos, fertilizantes…), a creación de sistemas más eficientes en consumo e en produción de enerxía, a eliminación eficaz de microcontaminantes e compostos recalcitrantes e a minimización de emisións de GHG e VOCs. Nesta rede traballan preto de 60 docentes e máis dun cento de investigadores. Ademais do profesor Lema, dirixen os distintos grupos participantes os docentes María Llompart e Rafael Cela pola USC; Darío Prada, Mª Carmen Veiga, Manuel Soto e Joaquín Suárez, da UDC; e Ángeles Sanromán, MªTeresa Perez Nieto e Miguel A. Correa pola Universidade de Vigo. Logo do profesor Lema interveu Alberto Sánchez Sánchez para explicar o desenvolvemento de tecnoloxías descentralizadas de tratamento de augas que está a pór en marcha VIAQUA-CETAQUA. A el seguiulle Lucía Señoráns Rivas, de Espina Obras Hidráulicas, que falou dunha nova tecnoloxía de depuración de contaminantes emerxentes en augas residuais. Pola súa banda, José R. Vázquez Padín, de FCC Aqualia, falou do sistema ELAN® como “un caso de éxito na colaboración empresa-universidade-Administración e un paso máis cara a sustentabilidade e a autosuficiencia enerxética no tratamento de augas residuais”. Á súa vez Mercè Baldi Coll, de INIMA, explicou un estudo previo para xustificar a opción tecnolóxica seleccionada, como combinación de procesos físico químicos e de desinfección con raios UVA, para lograr os niveis de desinfección da auga mediante a instalación prevista na EDAR Provisional da EDAR de Lagares (Vigo).
O encontro rematou co relatorio de Pedro Simón, de EDAMUR, sobre o papel da Administración na investigación e a innovación e cunha mesa redonda sobre as perspectivas futuras para o tratamento de augas en Galicia na que participaron Rafael Díaz Martínez, de Aguas de Cuencas de España, S.A.; Susana Fernández Fernández, de Aguas de Galicia; e Óscar González Puche, da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil.