Ir o contido principal

Representantes de medio cento de universidades de toda España coñecerán na USC as particularidades do novo Suplemento Europeo ao Título

Participarán nunha xornada o próximo venres

Representantes de preto de medio centenar de universidades españolas reuniranse este venres 8 en Compostela nunhas xornadas que analizan a implementación da expedición do Suplemento Europeo al Título (SET), un dos instrumentos básicos do proceso iniciado en Bolonia. O SET é un modelo de información unificado e personalizado para o titulado universitario sobre os estudos cursados, o seu contexto nacional e as competencias e capacidades profesionais adquiridas. O seu obxectivo é incrementar a transparencia das diversas acreditacións europeas e facilitar o seu recoñecemento por outras institucións. A USC foi a primeira das universidades españolas en expedir o SET en todas as súas titulacións por consideralo un documento esencial para a mobilidade e empregabilidade do seu alumnado. A xornada do próximo venres permitirá aos participantes coñecer o novo decreto de 2015 que establece un novo modelo de SET no que se mellora a información e se edita un formato máis sinxelo de implantar. No encontro tamén se aludirá á guía en proceso de elaboración que establece pautas e modelos para que todas as universidades traballen de maneira coordinada no Sistema Español de Universidades e que o resultado sexa un formato único normalizado. Outro dos asuntos que se tratará será o Suplemento Europeo ao Título Electrónica (e-SET), como un primeiro paso cara a acreditación de estudos superiores en formato electrónico. O e-SET é unha proposta nacida no seo da USC ratificada polo pleno da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE). No transcurso do programa previsto presentaranse os traballos para que a estrutura do SET poda servir como modelo de intercambio de datos ou interoperabilidade entre institucións do Espazo Europeo de Educación Superior, non só españolas senón de todo o ámbito europeo internacional. Na inauguración das xornadas está prevista a participación do secretario xeral de Universidades do Ministerio, Juan Vázquez Rozas e do reitor Juan Viaño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2015.