Ir o contido principal

O Simposio Internacional de Lipodistrofias desenvólvese na USC esta semana

CiMUS da USC. Foto: Santi Alvite
CiMUS da USC. Foto: Santi Alvite
Christos Mantzoros, referente mundial na enfermidade hepática asociada con disfunción metabólica, imparte o xoves 13 unha conferencia ás 15:30 horas no CiMUS

A Aula Magna do Edificio de Ensino Roberto Novoa Santos da USC acollerá este venres 14 e sábado 15 a décimo terceira edición do Simposio Internacional sobre Lipodistrofias organizado pola Asociación Internacional de Familiares e Afectados por Lipodistrofias (AELIP) e o CiMUS da USC. A cita é punto de encontro e de referencia internacional para profesionais da saúde, persoal investigador, estudantado, persoas afectadas pola enfermidade e as súas familias sendo, un ano máis, Santiago de Compostela a capital mundial das lipodistrofias.

O simposio comezará o día 14 coa parte máis científica do evento, na que participarán 19 relatores de institucións académicas de nove países que presentarán os últimos avances e actualizacións científicas, diagnósticas e terapéuticas sobre a enfermidade. Ademais, o Premio de Investigación Celia Carrión Pérez de Tudela en Lipodistrofias será entregado ao profesor Christos Mantzoros, catedrático de Medicina Interna na Facultade de Medicina de Harvard (Boston, EUA), editor xefe da revista Metabolism e experto de renome mundial en enfermidades hepáticas asociadas á disfunción metabólica, unha comorbilidade presente con frecuencia nas lipodistrofias. O segundo día do evento, o día 15, centrarase nos pacientes afectados pola enfermidade.

«Eventos como o Simposio Internacional sobre Lipodistrofias son esenciais para unir a ciencia, a práctica clínica e a experiencia das familias afectadas. No CiMUS, estamos comprometidos co avance cara a un diagnóstico máis precoz», afirma David Araújo-Vilar, coordinador do Laboratorio de Lipodistrofias do CiMUS.

CiMUS, referente nacional en lipodistrofias 

Este encontro busca difundir os últimos avances científicos para mellorar o diagnóstico e o tratamento, visibilizar a realidade dos pacientes e promover o intercambio entre profesionais e familias.

Esta edición abordará o diagnóstico molecular e xenético das lipodistrofias, así como os desafíos para a súa detección precoz. Tamén afondará nas complicacións metabólicas e hepáticas e outros efectos clínicos dos diferentes subtipos de lipodistrofias. Presentaranse terapias emerxentes e modelos experimentais que están a abrir novas vías no tratamento destas enfermidades raras, e destacarase o impacto nas vidas dos afectados e as súas familias, xunto coa intervención psicosocial, o apoio e a atención integral.

Esta reunión conta co apoio do CiMUS, un centro líder en lipodistrofias en España, cun seguimento activo de aproximadamente 300 pacientes. A súa traxectoria neste campo proporciona experiencia clínica real e valiosos estudos de casos para a comunidade de profesionais, pacientes e as súas familias. «Os centros de referencia como o CiMUS son esenciais porque temos a experiencia para facer diagnósticos precoces e proporcionar recomendacións oportunas. Non obstante, non pode haber centos de centros de referencia para un tipo particular de enfermidade rara, principalmente porque o número de pacientes no país é pequeno. Polo tanto, é crucial que os médicos se acostumen a derivar pacientes a estes centros e que os procedementos sexan sinxelos», afirma.

Araújo-Vilar sinala que as lipodistrofias diagnostícanse clinicamente. As probas xenéticas son esenciais porque a maioría das lipodistrofias son trastornos mendelianos, causados por un só xene. «Existen 70 subtipos de lipodistrofias, cada un coas súas propias características. As principais complicacións son a diabetes mellitus, que se asemella á diabetes tipo 2; os triglicéridos altos, que poden provocar pancreatitis aguda; e o fígado graxo, que en casos raros pode progresar a cirrose», subliña.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2025.