Ir o contido principal

Xornada de orientación laboral, busca de emprego e prácticas para estudantes e titulados na residencia ‘Bal y Gay’

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo da USC acollerá este martes 5 de maio, a partir das 21.00 horas, unha xornada informativa sobre orientación laboral e busca de emprego e prácticas de traballo dirixida a estudantes e titulados universitarios.

A técnica da área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo da USC, Gloria Cruz Amil, será a relatora encargada de impartir esta sesión informativa, durante a que abordará cuestións ligadas ao desenvolvemento da carreira profesional, métodos de busca de emprego e prácticas, elaboración do currículo e de cartas de presentación... O perfil de estudantes/titulados que demandan as empresas, procesos de selección, dinámicas de grupo, entrevistas de traballo serán outros dos temas dos que se falará nesta sesión informativa, que rematará coa elaboración dun exercicio práctico. As persoas interesadas en participar nesta actividade formativa, que se desenvolverá no salón de actos da residencia universitaria ‘Jesús Bal y Gay’ e é de asistencia libre e gratuíta, deben enviar un correo electrónico ao enderezo emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2015.