Carlos López García-Picos: Música a orillas del Atlantico
Autor/a
Ares Espiño, Javier
Carlos López García-Picos naceu en Betanzos en 1922 e exilouse na
Arxentina trala Guerra Civil. Durante toda a súa vida amosou un
compromiso constante coa colectividade galega, que se reflexa en
moitos aspectos das súas composicións, na súa actividade nas
asociacións de compositores (a nivel autonómico foi membro fundador
e presidente da Asociación Galega de Compositores, AGC, a nivel
nacional foi membro da Junta Directiva da Confederación Española de
Asociaciones de Compositores Sinfónicos, CEACS, e anteriormente
participara ocupando distintos cargos na Asociación de Jóvenes
Compositores de la Argentina, AJCA), e na súia faceta máis
descoñecida como director de distintas agrupacións corais (coro Os
Rumorosos do Centro Betanzos de Bos Aires, coro Alborada da Casa de
Galicia de París, Coral Rosalía de Castro da Asociación Galega,
agrupación coral do Centro Galego de Bos Aires, e tamén dirixiu en
xaneiro de 1950 un grupo de coros galegos que xuntos cantaron o Himno
Galego cando Castelao foi enterrado no cemiterio da Chacarita). En Bos
Aires asistiu a clases con Jacobo Ficher, e a estrea do ballet La
farsa de la búsqueda, A. 16, valeulle a obtención dunha bolsa da
Embaixada Cultural de Francia en Bos Aires que, xunto co apoio de
destacadas personalidades do galeguismo como Luís Seoane e Eduardo
Blanco Amor, entre outros, permitiu que embarcase rumbo a París. Alí
recibiu clases de composición de Darius Milhaud e Tony Aubin no
Conservatorio Nacional de París e, simultaneamente, estudou
orquestración con Pierre Wissmer e dirección de orquesta con Leon
Barzin na Schola Cantorum. En 1984 regresa a Galicia e desenvolve a
súa etapa máis fértil desde o punto de vista compositivo. Fina o 23
de decembro de 2009, deixando no seu catálogo, formado por 141 obras,
un amplo número de obras sinfónicas, cuartetos, obras pianísticas,
para violoncello e para diversas formaciones camerísticas.