Os traballos que integran este volume constitúen unha mostra significativa das achegas actuais da lingüística de corpus no ámbito hispánico. A primeira parte está dedicada á análise de fenómenos gramaticais con datos de corpus. A segunda parte céntrase no deseño e elaboración de corpus textuais de varios tipos, con especial atención ás posibilidades de recuperación e explotación dos datos que conteñen. Nos dous bloques ponse de manifesto a variedade de recursos e métodos de análise propiciados polo desenvolvemento de corpus tanto do castelán como doutras linguas (galego, portugués, alemán). Varios capítulos mostran a necesidade dun enfoque plurilingüe, ben para dar conta de fenómenos de variación e cambio en situacións de contacto, ben para desenvolver recursos lingüísticos para o ensino de linguas estranxeiras ou para a tradución. A autoría plural da obra configura un panorama diverso e estimulante das posibilidades que ofrece a lingüística de corpus para profundar no coñecemento das linguas.