Cidadanía e identidades: expresións políticas, económicas e culturais no século XXI
Coordinador/a
Nogueira Pereira, María Xesús
Agrelo-Costas, Eulalia
En maio do 2018, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela acolleu o simposio «Cidadanía e Identidade. Expresións políticas, económicas e culturais no século XXI», promovido polo Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais (CIPPCE), encontro no que representantes institucionais e persoal investigador de diferentes áreas do coñecemento achegáronse ao espazo público da cidade e á condición de cidadanía desde múltiples perspectivas, unha visión coral que evidenciou o carácter ambivalente da cidade e a natureza das relacións entre a cidadanía e a identidade. O vizoso intercambio de propostas, ideas e reflexións expresadas no evento motivou que este número 6 dos Cadernos CIPPCE sobre Emerxencia Cultural se consagre a afondar no complexo binomio cidadanía-identidade, ao tempo que incorpora novas intervencións e amplifica as visións analíticas ao redor do tema. O mosaico de traballos evidencia as funcións e transformacións das cidades que, nun mundo tan inestable como o actual, imposibilitan cada vez máis determinar eses trazos identitarios necesarios para a cohesión da comunidade.