
O 25 de xaneiro e o 8 de febreiro escolares de 5º e 6º de primaria do Colexio Pio XII participaron no minicampus científico sobre neurociencia. Trátase dunha iniciativa da ANPA “A ferradura” para aproximar a ciencia aos nenos coa colaboración dos grupos de investigación da USC.
A actividade tratou de indagar en cuestións como: É o mundo tal como o vemos? Como capta e procesa o cerebro a información que recibe? Para responder a estas preguntas os nenos exploraron o cerebro a través de maquetas, coñeceron casos clínicos de persoas que tras un dano cerebral viron modificada a súa capacidade de sentir e percibir, e xogaron coas tarefas experimentais que deseñan os neuropsicólogos para comprender a percepción.