Electrophysiological anomalies in face-name memory encoding in young binge-drinkers.
Autores: Folgueira-Ares, R.; Cadaveira, F.; Rodríguez Holguín, S.; López-Caneda, E.; Crego, A.; Pazo-Álvarez, P.
Ano: 2017
Frontiers in Psychyatry, 8:216 DOI: 10.3389/fpsyt.2017.00216
Palabra clave: Memory encoding, difference memory effect, face–name association, binge drinking, college students
Un crecente corpo de datos indica que a inxesta de grandes cantidades de alcohol en sesións únicas pode ter efectos estruturais e funcionais no cerebro en maduración das persoas novas. Estes efectos son particularmente notorios nas rexións prefrontal e hipocámpica, que parecen ser especialmente sensibles aos efectos neurotóxicos do alcohol. Sen embargo, até a data poucos estudos teñen utilizado a técnica dos potenciais evocados (PE) para analizar a relación entre o consumo intensivo de alcohol (CIA) e a memoria asociativa.
O obxectivo deste estudo foi examinar a actividade cerebral durante a codificación de información en memoria mediante o “paradigma de memoria posterior” en mozos e mozas que levan incorrendo nun padrón CIA durante alomenos dous anos. Participaron un total de 50 estudantes universitarios (idade media = 20,6 anos), deles 25 eran controis (12 mulleres) e 25 eran consumidores intensivos de alcohol (CIAs; 11 mulleres), sen historia persoal nin familiar de alcoholismo ou trastornos psicopatolóxicos; realizaron unha tarefa de memoria de asociación de nomes e caras. A tarefa permitía avaliar o efecto “Diferenza de memoria (Dm)”, unha medida da codificación en memoria baseada na comparación da actividade neural asociada coa recuperación posterior existosa ou fallida. Nas avaliacións mediante PEs, os ítems en fase de estudo que posteriormente son lembrados provocan amplitudes positivas de maior magnitude nas localizacións parieto-frontais de liña media que aqueloutros que non se lembrarán. O efecto Dm aparece xeneralmente nun rango de latencia no contorno dos 300-800 ms.
Os resultados amosaron este efecto Dm nas rexións posteriores no rango de latencia de 350-650 ms no Grupo Control. Sen embargo, no Grupo CIA non se observaron diferenzas significativas na actividade electrofisiolóxica cerebral durante a codificación en memoria entre os ítems posteriormente lembrados e os esquecidos. Non houbo diferenzas entre os grupos na execución condutual.
Estes achádegos amosan que os mozos e mozas CIA presentan un padrón de actividade cerebral anómalo durante a fase de codificación en memoria dunha tarefa visual de asociación entre caras e nomes, o que posiblemente suxire unha pegada neural diferente que a dos seus controis para a codificación exitosa en memoria.