Ir ao contido principal
Volver á listaxe

SaúdeNovaLvcvs: Estudio epidemiológico sobre conductas adictivas en el estudiantado de 14 a 18 años de la ciudad de Lugo

Autores: Moure-Rodríguez, L.; Corral, M.; Piñeiro, M.; Royé, D.; Platas-Ferreiro, M.L.; Fernández-Eiros, F.J.; y Caamano-Isorna, F.

Ano: 2019

Ayuntamiento de Lugo, Galicia, España. ISBN: 978-84-92895-42-7

Introdución: o consumo de alcohol, tabaco e cánnabis entre os e as adolescentes e adultos novos vén suscitando gran preocupación no noso país, debido tanto ás elevadas prevalencias observadas como á tendencia ascendente dalgúns patróns de consumo. No caso do alcohol por exemplo, aínda que nos últimos anos as prevalencias de consumo semanal entre os e as adolescentes europeos parecen declinar, a elevada frecuencia e o patrón de consumo intensivo de alcohol seguen representando importantes problemas de saúde. Asemade o uso que os e as adolescentes fan de Internet, tanto a través do móbil como do ordenador, vén suscitando importante preocupación na sociedade. A día de hoxe ningún dos manuais de referencia diagnóstica recolle ningunha patoloxía ou adicción asociada á utilización da rede, polo que, a xuízo de distintos autores, non sería correcto falar de adicción, será preferible optar por termos como “uso de risco de Internet” ou “uso problemático de Internet” en función da menor ou maior dependencia.
Obxectivos: 1) determinar a prevalencia de consumo de alcohol, tabaco e cánnabis no estudantado entre 14 e 18 anos do concello de Lugo; 2) determinar a prevalencia de uso problemático de Internet; 3) identificar as variables sociodemográficas asociadas ao consumo de alcohol, tabaco e cánnabis; e 4) identificar as variables sociodemográficas asociadas ao uso problemático de móbil e Internet.
Método: estudo transversal ou de prevalencia entre estudantes de ensinanza secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación de profesional entre 14 e 18 anos do concello de Lugo. A poboación de estudo está constituída por todos aqueles alumnos e alumnas matriculados en calquera centro público, privado ou concertado que imparte docencia regrada (n=3100). O cuestionario base incluíu unha batería de preguntas relacionadas con: 1) variables sociodemográficas; 2) consumo de alcohol, cánnabis, e tabaco; e 3) uso problemático de móbil e Internet. A fin de incrementar a comparabilidade dos resultados, seleccionouse unha batería de preguntas extraídas da versión galega do cuestionario da Encuesta sobre Uso de Drogas en Estudiantes de Enseñanzas Secundarias 2016 . Ademais, para a valoración do consumo de cánnabis, incluíuse tamén o cuestionario Cannabis Abuse Screening Test [CAST]. Por último, para a valoración do uso problemático do móbil utilizouse o Nomophobia Questionnaire [NMP-Q].
Resultados: en xeral as prácticas de consumo de substancias entre os e as participantes lucenses son inferiores á mostra nacional do ESTUDES, con excepción da práctica de consumo intensivo de alcohol ou binge drinking nos últimos 30 días –ter consumido cinco ou máis vasos, canas ou copas de bebidas alcohólicas nunha mesma ocasión- que é coincidente co atopado para o conxunto de España e supera a submostra de adolescentes galegos do mesmo estudo. A este respecto, cabe destacar que os homes practican menos binge drinking que a mostra nacional ata os 18 anos, momento no que superan as cifras dos adolescentes españois; mentres as mulleres presentan unhas cifras similares xa a partir dos 14-15 anos.
As prevalencias de consumo de substancias son elevadas. Á vista destas cifras, cómpre realizar actuacións dende idades moi temperás para evitar o consumo, que en moitos casos se incian durante os primeiros cursos da ESO.
Non debemos esquecer que a maior parte dos participantes neste estudo son menores de idade, circunstancia que evidencia a necesidade de garantir o cumprimento da lexislación vixente que impediría ou dificultaría considerablemente a adquisición de substancias por parte dos adolescentes.
A cifra de adolescentes cun uso problemático do móbil mostra a importancia de comezar a ter en conta estes dispositivos nas políticas de promoción da saúde e estilos de vida saudables. Ademais, e a este respecto, as mulleres parecen ser un grupo diana de importancia, tendo en conta que presentan maior prevalencia de uso problemático do móbil a iguais horas de uso para todas as idades.
Os resultados deste estudo reflicten a grande oportunidade que é Internet para os adolescentes, podendo acceder a través dela a diversos recursos. Porén neste espazo sen supervisión tamén se lles abren as portas a contidos ilimitados non desexables, como casas de apostas, pornografía ou violencia que, como evidencia este estudo, unha proporción importante de adolescentes consomen. Neste sentido, a asociación entre maior consumo de alcohol e tabaco e uso problemático de móbil que mostran os resultados do estudo reflicte a importancia de traballar as condutas adictivas de xeito holístico.
A alta proporción de participantes que xoga e aposta diñeiro subliña a necesidade de abordar esta situación dende idades moi temperás, pois estas condutas a idades tan novas poden desencadear futuros problemas psicolóxicos e sociais.
Os datos recollidos mostran como a dispoñibilidade económica aumenta o risco de consumo de substancias considerablemente. Os consumos de tabaco e alcohol dos proxenitores tamén aumentan o risco de consumo dos fillos e fillas. Polo tanto é importante que, paralelamente a intervencións cos e coas adolescentes a través dos centros educativos, se traballe tamén no contexto familiar e social, concienciando aos pais para que tanto coas súas condutas como coa dispoñibilidade de recursos que ofrecen aos fillos poidan previr estas prácticas de consumo de substancias. Neste sentido, a recente postura da Sociedad Española de Epidemiología sobre «Menores y Alcohol» propón, entre outras medidas: 1) promover un ambiente urbano libre de chamadas ao consumo de alcohol; 2) reducir a accesibilidade (elevación de taxas e prezos mínimos) e a dispoñibilidade (control estrito da venda a menores, separación física das bebidas alcohólicas en tendas con prohibición de acceso a menores); e 3) prohibir o patrocinio das bebidas alcohólicas en calquera actividade de ocio, deportiva ou cultural, á que poidan asistir menores.