|

O acto, presidido polo Sr. Vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, don Francisco González García, contou coa asistencia do Sr. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, don Xesús Vázquez Abad, e tivo lugar o mércores, día 18 de abril, ás 12 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela.
Presentes tamén na mesa estiveron o Sr. Reitor da Universidade da Coruña, don Xosé Luis Armesto Barbeito, a Sra. Decana da Facultade de Matemáticas, dona María Victoria Otero Espinar, e o Coordinador da Olimpíada Matemática Galega, don Felipe Gago Couso.
Ademáis de familiares e acompañantes, ao acto asistiron tamén representantes dos institutos e colexios do alumnado premiado, e en representación do Concello de Santiago de Compostela, estivo presente a segunda tenente de alcalde, dona Amelia González Brandariz.
O acto comezou cunhas verbas do Coordinador da Olimpíada Matemática en Galicia, que tras agradecer a presencia das autoridades presentes, en especial a do Sr. Conselleiro e a do Sr. Reitor da Universidade da Coruña, puxo de manifesto o singular desta edición da Olimpíada Matemática Galega, por ser a primeira vez na historia en que unha persoa consegue clasificarse catro veces para acudir á Fase Nacional. Óscar Rivero Salgado, este ano superou o anterior récord de José Doval Pérez, que fora membro do Equipo Olímpico Galego nos anos 1999, 200 e 2001.
Trala entrega dos diplomas correspondentes aos 9 premios e ás 11 mencóns de honra, intervéu o Sr. Conselleiro de Cutura, Educación e Ordenacón Universitaria, quen salientou o importante deste tipo de actividades, dicindo que "unhas olimpíadas coma estas transcenden o mero significado dun concurso, xa que son parte indisoluble da mellora dun sistema educativo coma o noso, que procura a excelencia, ademais de contribuíren de xeito notable a divulgar as matemáticas e a súa aprendizaxe, así como a captar talentos incipientes.
Felicitou aos premiados, así como aos seus centros e familias polo apoio prestado, e salientou o nivel do alumnado galego na competencias matemática, lembrando que na Avaliación de Diagnóstico 2011 rexistrouse unha mellora significativa dos resultados na competencia matemática na etapa de secundaria, cun incremento de 4,1 puntos porcentuais do alumnado que se sitúa nos niveis medio-alto de rendemento (o 27,7%).
Lembrou que este será o terceiro ano que Óscar Salgado Rivero participe na Olimpíada Internacional representando a España, e rematou loubando o labor do Coordinador da Olimpíada Matemática en Galicia e dándolle as gracias pola súa adicación altruísta.
Pechou o acto o Sr. Vicerreitor de Investigación e Innovación dando as grazas ao público asistente ao acto e os parabéns polos premios conseguidos.

Foto de grupo coas autoridades asistentes |
|