Cultura e humor: homenaxe a Celestino Fernández de la Vega (1914-1986), XII Curso de Primavera, Lugo, 19-22 de abril de 2016
Resumo
No ano 2016 a Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo, decidiu adicar a XII edición do seu Curso de Primavera a Celestino Fernández de la Vega co gallo do trixésimo aniversario do seu pasamento no ano 1986. Mais a homenaxe á persoa realizouse mediante a reactivación do seu tema. Os Cursos de Primavera da Facultade de Humanidades definíronse sempre como unha actividade interdisciplinar. A praxe, ao longo da súa meritoria historia de máis dunha década, consiste en convocar o profesorado da Facultade, que compón de seu unha comunidade interdisciplinar, a participar neles mediante a proposta dun tema cun enfoque amplo dabondo como para que se poida abordar con xeito dende a óptica de cada unha das áreas de coñecemento presentes na Facultade. Normalmente, cóntase tamén con profesorado convidado doutras universidades. Nesta ocasión, os organizadores do evento, a profesora María Xesús Vázquez Lobeiras e o profesor Alexandre Veiga Rodríguez, cursaron a convocatoria baixo a rúbrica «Cultura e Humor». O curso celebrouse no seu momento con éxito e ten como ulterior froito este libro, no que algúns dos participantes nos brindan os seus textos e as súas reflexións sobre o humor, evocando unha e outra vez o orixinal punto de partida de Celestino Fernández de la Vega, o gran descubridor da envergadura filosófica do tema.