Ir o contido principal

I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro

11.12.2025 | 09.30h
Rosalía por Cardarelly. Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX. FOTO: Colección da RAG
Rosalía por Cardarelly. Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX. FOTO: Colección da RAG

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela impulsa a primeira xornada ‘Avances na biografía de Rosalía de Castro’, que se desenvolverá o vindeiro 11 de decembro na Facultade de Filoloxía. A iniciativa reunirá especialistas de referencia no campo dos estudos rosalianos para compartir novas perspectivas biográficas, algunhas delas inéditas, que permitirán seguir ampliando o coñecemento sobre a vida e o contexto cultural da escritora.

A xornada será inaugurada ás 9.30 horas polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, e polo decano do centro, Elias J. Feijó Torres, acompañados polas persoas responsables da coordinación da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza e María do Cebreiro Rábade.

As intervencións achegarán información relevante sobre cuestións pouco exploradas da vida de Rosalía en Madrid, o seu papel como anfitrioa literaria. Luis Miguel Fernández abrirá o panel co relatorio ‘Rosalía e os Lugín Castro en Madrid. 1856-1858’, no que presentará novos datos sobre unha etapa fundamental da vida da escritora. Xurxo Martínez afondará na historia do mausoleo de Rosalía e Miguel Anxo Seixas analizará o perfil da autora como anfitrioa nunha presentación que incluirá algunha curiosidade sobre receitarios de época. A profesora Dolores Vilavedra, responsable do Fondo María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda da USC, intervirá tamén en todas as consultas e debates relacionados co devandito arquivo.

Esta xornada insírese na liña de traballo iniciada o pasado mes de abril co primeiro simposio ‘Vida, biografías, bioficcións de Rosalía de Castro’. A Cátedra mantén o compromiso de desenvolver de maneira bianual temas estratéxicos arredor da figura e da obra de Rosalía, prioritariamente aqueles relacionados coa súa biografía e cos avances documentais recentes.
 

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2025.