Programa CAMIÑOS DE ESTRELAS – XACOBEO 21-22
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA, https://www.usc.gal/astro), pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC), ten como principais misións a investigación e a docencia en Astronomía, porén nas últimas décadas a dirección do mesmo impulsou unha morea de actividades de divulgación de alta calidade, incluso fóra das súas instalacións.
Iniciativas como Astronomía Itinerante, o Programa de Extensión Cultural de Astronomía (P.E.C.A.S.) con 23 edicións, Todocosmos, cinco anos financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía e catalogado por esta fundación como "Práctica Innovadora en Cultura Científica", a colaboración coa Cidade da Cultura de Galicia nas Visitas Astronómicas durante dez anos, ou O Camiño das Estrelas - As estrelas do Camiño, foron todas elas un éxito de participación e aceptación polo público asistente, de distintas idades e niveis. Aos altos coñecementos e experiencia do seu persoal compre engadir unha calidade non menos importante, cal é ser bos comunicadores e facer atractivas e amigables todas as actuacións.
Con estes precedentes, a USC a través do OARMA propuxo á Axencia de Turismo de Galicia organizar o programa CAMIÑOS DE ESTRELAS - XACOBEO 21-22, consistente en levar a cabo 24 xornadas astronómicas, entre xuño e setembro de 2021, en localidades, non só galegas, polas que pasan Rutas Xacobeas do norte.
Son en total 5 Comunidades Autónomas: Aragón, Asturias, Cantabria, Castilla y León, e Galicia, as cinco representadas no Consejo Jacobeo e todas elas con lugares emblemáticos relacionados cos Camiños a Compostela.
Cada unha das actuacións terá dúas partes. Na primeira delas farase unha presentación na que non só se abondará nos obxectos que logo vanse observar, senón que, e sobre todo, se falará sobre a secular relación do Camiño de Santiago coa Vía Láctea, guía fundamental nos amenceres do verán xa que logo a posición da Galaxia neses momentos está en dirección leste – oeste, marcando polo tanto o sentido cara o sepulcro do Apóstolo Santiago. Incluso, nalgúns casos, están previstas conferencias impartidas por persoas especializadas no feito xacobeo.
A posterior sesión de observación astronómica terá dúas partes. Unha primeira na que se identificarán constelacións a simple vista, así como a propia Vía Láctea, e unha segunda na que farase uso de telescopios portátiles cos que poder ver con todo detalle a Lúa, os planetas Xúpiter e Saturno, estrelas dobres, nebulosas, etc. Durante a duración das observacións, os profesores e monitores estarán non só pendentes das preguntas e consultas dos asistentes, senón que continuamente comentarán cousas en relación cos obxectos que se observan, propiedades físicas, curiosidades, mitoloxía, anécdotas, etc., sempre co fin de que as actuacións sexan atractivas e amigables a todo o público asistente.
Colaborarán co equipo do OARMA membros de distintas asociacións das diferentes zonas. Isto é importante, fundamentalmente fóra de Galicia, tanto desde o punto de vista práctico como de loxística, xa que logo ninguén mellor ca eles para contactar en último extremo cos técnicos dos concellos para moi distintas cuestións, como sinalización das zonas da actividade, posible apagado de luces, mantemento das distancias de seguridade, etc. As asociacións que participan son as seguintes: Agrupación Astronómica de Burgos, Agrupación Astronómica Cántabra, Agrupación Astronómica de Huesca, Agrupación Astronómica Palentina, Asociación Cielos Despejados de Oviedo, Asociación Leonesa de Astronomía y la Sociedad Astronómica Asturiana OMEGA.
Equipo do OARMA:
Prof. José Ángel Docobo Durántez (Director científico)
Dr. Pedro Pablo Campo Díaz
Dr. Luca Piccotti
Dr. Jorge Gómez Crespo
Coordinación por Turismo Galicia: D. Juan Pensado Barbeira
PROGRAMA COMPLETO
Por Comunidades:
ARAGÓN
ASTURIAS
CANTABRIA
13 de agosto en CASTRO-URDIALES
14 de agosto en CAMALEÑO (Liébana)
CASTILLA y LEÓN
25 de xuño en CARRIÓN DE LOS CONDES
14 de agosto en CASTROJERIZ (Burgos)
14 de agosto en VILLALCÁZAR DE SIRGA (Palencia)
GALICIA
11 de setembro en SANTIAGO DE COMPOSTELA
11 de novembro na BIBLIOTECA PÚBLICA ÁNXEL CASAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Por datas:
XUÑO
Día 25 en CARRIÓN DE LOS CONDES
XULLO
AGOSTO
SETEMBRO
NOVEMBRO
Día 11 na BIBLIOTECA PÚBLICA ÁNXEL CASAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA