
O pasado xoves día 12 celebrouse na Escola Politécnica Superior de Lugo a xornada ‘Montes Veciñais: a titularidade comunitaria no contexto europeo’, organizada polo grupo ECOAGRASOC e coordinada por Marco Rubinos, técnico colaborador da Universidade de Santiago de Compostela. O evento contou coa asistencia de máis de 60 persoas, maioritariamente comuneiros, aínda que tamén persoal técnico das administracións públicas e do ámbito académico.

A xornada, realizada por iniciativa da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, desenvolveu dous eixos temáticos fundamentais. Tras a presentación feita por Ana Isabel García Arias, subdirectora da EPS, o primeiro deles, ‘A titularidade comunitaria no contexto europeo’, contou cunha mesa moderada por María do Mar Pérez Fra coa presenza de Xabier Bruña García, técnico da Conselleria do Medio Rural; Ramón Rozadillas, Xefe de Servizo Provincial de Montes (Lugo); Susana López González, do bufete Calixto Escariz Avogados, e Xosé Alfredo Pereira, Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Na breve exposición realizada por parte de cada un dos compoñentes da mesa, identificáronse elementos clave na problemática dos montes veciñais, coma os derivados do descoñecemento e confusión terminolóxica que rodea o concepto de monte veciñal e da titularidade comunitaria, as dificultades impostas pola imprecisión dos deslindes, ou os novos desafíos para as administracións públicas de cara á xestión dos montes.
A quenda de preguntas contou coa intervención de membros de comunidade de montes veciñais. Estes transmitiron entre outras a súa preocupación polas consecuencias para os MVMC do despoboamento rural, a fiscalidade imposta ás actividades desenvolvidas nos montes, ou a resolución de problemas derivados de xestións inadecuadas realizadas no pasado.

No segundo eixo temático ‘Proxectos europeos de posta en valor do medio rural’, comezou Armando Carvalho, representante da Federação Nacional dos Baldíos de Portugal, expuxo a situación actual dos Baldíos, ou montes de titularidade comunitaria, e os desafíos futuros impostos pola normativa recentemente aprobada, que conta cunha forte oposición por parte das comunidades. A continuación, Marco Rubinos fixo unha exposición das diferentes oportunidades que se poden presentar para as comunidades de montes a través de programas europeos como LIFE, LEADER ou INTERREG. O desenvolvemento de proxectos baixo estes programas pode significar unha axuda para o desenvolvemento dunha forma de posuír a terra característica de Galicia, e que alén a problemática identificada supón unha oportunidade para o desenvolvemento das comunidades locais.