A Comissão Técnica Independente presenta ante o parlamento portugués o seu relatorio sobre os incendios de outubro

A Comissão Técnica Independente designada pola Assembleia da República de Portugal para avaliar os incendios que tiveron lugar entre 14 e 16 de outubro de 2017, da cal fai parte o profesor Edelmiro López Iglesias, ven de presentar o informe coas súas conclusións perante o lexislativo luso (pdf).

No documento, feito público o 20 de marzo, o grupo de especialistas analiza desde as causas máis inmediatas da vaga de incendios, como a falta de anticipación ante os factores climatolóxicos de risco; até aquelas de tipo estrutural, entre as que destacan o despoboamento das áreas rurais, a ausencia de xestión forestal ou a falta de actividades económicas.

Como resultado da súa análise, a CTI efectúa unha serie de recomendacións co obxectivo de prever e evitar futuros incendios ou, cando isto non for posíbel, minimizar os seus danos. Entre estas recomendacións destacan as relacionadas coa mellora da previsión meteorolóxica ou coa reorganización estrutural do servizo operacional de bombeiros. De forma crucial, a comisión chama a tomar medidas no ámbito da xestión do territorio, como a construción de faixas que separen os cultivos con carga combustíbel ou a posta en marcha de accións encamiñadas a tornar a paisaxe máis heteroxénea en termos de composición e estruturación de especies vexetais.

Este relatorio é o resultado da segunda sesión de traballos da Comissão Técnica Independente (CTI2). Previamente, foi constituída unha primeira comisión para analizar os incêndios do Pedrógão Grande (CTI1), cuxos resultados poden consultarse no seguinte relatorio (pdf).

Ao longo de 2017 arderon en Portugal cerca de medio millón de hectáreas, o que representa o 50% do total ardido no sur de Europa durante ese ano.