A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela) acolle o próximo xoves día 12 de novembro a xornada ‘Montes veciñais, a titularidade comunitaria no contexto europeo’. O evento está organizado polo grupo de investigación ECOAGRASOC (Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social) coa colaboración da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (OGCMVMC).
A xornada, dirixida a comuneiros e aberta ao público, céntrase na figura dos Montes Veciñais en Man Común como estrutura organizativa singular de Galiza e Norte de Portugal. Logo dunhas breves intervencións introdutorias, que correrán a cargo de técnicos ou científicos especializados, durante a xornada desenvolveranse dúas liñas de debate nas que se analizará a realidade dos Montes Veciñais dende dous puntos de vista:
-A Titularidade Comunitaria
-Proxectos Europeos de posta en valor do medio rural
O evento contará coas participacións do presidente da OGCMVMC, D. Alfredo Pereira; o Dr Enxeñeiro de Montes, D. Xabier Bruña; o Xefe de servizo de Montes da provincia de Lugo, D. Ramón Rozadillas e a letrada do Gabinete Calixto Escariz Abogados, Susana López González, entre outras.
A xornada conta co financiamento do Proxecto ‘El monte comunal en Galicia desde la Edad Media a la actualidad: de soporte de un viejo complejo agrario a recurso medioambiental y patrimonio paisajístico’, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.
Programa completo (pdf)
Cartel grande (pdf)