A situación actual das finanzas municipais a debate en Lugo

programa-XORNADA-FINANZAS-MUNICIPAIS.grande

Os investigadores de ECOAGRASOC Xoaquín Fernández Leiceaga e José Caamaño Alegre participan na xornada informativa A situación actual das finanzas municipais o próximo venres 22 de xaneiro en Lugo.

Xoaquín Fernández Leiceaga impartirá a conferencia As finanzas municipais nos Concellos de Lugo durante a crise: un balance e algunhas propostas. Na súa intervención fará unha análise polo miúdo da situación actual dos Concellos da provincia de Lugo no relativo ás súas contas e finanzas. En base á súa diagnose, ofrecerá unha serie de propostas para mellorar a situación da economía dos Concellos e, polo tanto, da provincia no seu conxunto.

Por outro lado, José Caamaño Alegre impartirá xunto a Concepción Campos (Secretaria de goberno local do Concello de Vigo e codirectora da Red Localis) a conferencia Transparencia e reformas orzamentarias: dous instrumentos de mellora de xestión. Nesta intervención trataranse temas como a importancia da participación, a transparencia e o goberno aberto; así como a importancia de realizar mudanzas na distribución clásica dos orzamentos para conseguir que os Concellos poidan mellorar a súa labor.

O evento está organizado polo IDEGA (USC), que creou o observatorio que analiza anualmente a evolución das economías locais e o seu impacto no territorio na provincia de Lugo, e conta coa colaboración da Deputación de Lugo. Está dirixido a todos os Concellos da provincia e, especialmente, ao persoal que traballa nos departamentos económicos das entidades locais, así como ao público en xeral.

Na xornada tamén intervirán os destacados expertos en finanzas municipais Javier Suárez Pandiello, Catedrático de Economía da Universidade de Oviedo, e Santiago Lago Peñas, Catedrático e Director do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.

As conferencias terán lugar entre as 9:15 e as 14:00 h. no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Programa:
(versión en pdf)

09:15 h.
Apertura. A cargo da Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especiais de Contas, Pilar García Porto e do representante do IDEGA, Xoaquín Fernández Leiceaga.

09:30 h.
Unha panorámica xeral das finanzas do nivel municipal. Javier Suárez Pandiello, Catedrático de Economía da Universidade de Oviedo.

10:30 h.
As finanzas municipais nos Concellos de Lugo durante a crise: un balance e algunhas propostas. Xoaquín Fernández Leiceaga, profesor de Economía Aplicada na USC e director do IDEGA.

12:00 h.
Os instrumentos tributarios municipais: ¿que debemos cambiar e como? Santiago Lago Peñas, Catedrático e Director do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.

13:00 h.
Transparencia e reformas orzamentarias: dous instrumentos de mellora de xestión. José Caamaño Alegre (profesor de Economía Aplicada na USC) e Concepción Campos (secretaria do goberno local do Concello de Vigo e codirectora de Red Localis).

14:00 h.
Peche, a cargo do Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde.