Álvaro García Corral gaña o Premio Jesús García Calvo coa súa tese sobre as explotacións de bovino de carne en Galicia

Gala Prémio García Calvo
De esquerda a dereita, Corina Porro, Álvaro García, Diego Conde, Melchor Fernández, Juan Viaño, José Montes, Fernández Leiceaga e González Laxe (Foto: SERVIMAV-USC)

Co título ‘Análisis y tipificación de explotaciones de bovino de carne en Galicia mediante un método de control basado en lógica difusa’, a tese de doutoramento de Álvaro García Corral ven de ser galardoada na segunda edición do Premio Jesús García Calvo de investigación en medio rural e cooperativismo, convocado conxuntamente polo IDEGA e Feiraco.

A tese premiada foi dirixida por Ricardo Javier Bendaña Jácome e polo investigador de ECOAGRASOC Francisco Sineiro García. Con este traballo García Corral obtivo o título de doutor o pasado ano 2015. Entre outros méritos, neste estudo foi aplicada unha fonte de datos de carácter administrativo que até o momento tivera escaso uso no ámbito da investigación científica.

A gala, celebrada no Salón Nobre do Colexio de Fonseca (USC) o pasado 20 de xaneiro, estivo precedida dunha conferencia sobre o futuro do medio rural pronunciada polo propio Francisco Sineiro García.

Tamén foi premiado co García Calvo o investigador Diego Conde Gómez, na modalidade de textos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, polo seu traballo ‘Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea’ centrado na figura de Rof Codina (1974-1967), figura destacada da veterinaria española do século XX. O terceiro dos premiados co García Calvo foi Diego Fernando Avendaño polo seu traballo ‘Programas agroambientales e impacto territorial en la provincia de Lugo-Galicia’.

Por outra parte, na carimonia tamén se fixo entrega do premio Valentín Paz Andrade en investigación en economía de Galicia a André Carrascal Incera e Melchor Fernández Fernández polo seu traballo ‘Tourism and income distribution: Evidence from a developed regional economy’ publicado en Tourism Management (2015). No mesmo, os investigadores abordan desde unha metodoloxía económica os efectos do turismo e, en concreto, a incidencia sobre as desigualdades internas nunha economía rexional. O Premio Valentín Paz Andrade é convocado conxuntamente polo IDEGA e o Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia).

O evento foi presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, e contou coa participación da presidenta do CES-Galicia, Corina Porro, o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez, e o director do IDEGA, Xoaquín Fernández Leiceaga.