A investigadora de ECOAGRASOC defendeu a comunicación “Agri-environmental schemes and their territorial impact in the North of Spain”, asinada tamén por Diego Avendaño, Fracisco Ónega e Maria do Mar Pérez Fra. Fíxoo no 150th EAAE Seminar, celebrado en Edimburgo os días 22 e 23 de outubro baixo o título ‘The spatial dimension in analysing the linkages between agriculture, rural develpoment and the environment’.
A política agro-ambiental en Europa conta cunha historia de máis de dúas décadas, atinxindo unha importancia significativa tanto a nivel económico como espacial. Na actualidade existe un debate sobre os beneficios ambientais tanxíbeis acadados con esta política. Así, a comunicación presentada en Edimburgo (Escocia) analiza o Programa Agro-Ambiental para o período 2007-2013, centrándose na súa incidencia e os seus efectos na provincia galega de Lugo.
Os resultados do estudo realizado relevan que a dinámica poboacional ten unha incidencia significativa ao explicar a distribución espacial dos Contratos de Explotación Sustentábel (CES). Estes concéntranse nas áreas de montaña con menos densidade demográfica e maior caída da taxa de envellecemento, revelando así o apoio ao rendemento das explotacións menos produtivas e marxinais e, á súa vez, o apoio á conservación da natureza, especialmente no relativo á loita contra a proliferación de incendios forestais.
O 150th EAAE Seminar, ‘The spatial dimension in analysing the linkages between agriculture, rural develpoment and the environment’, ten como obxectivo discutir os resultados científicos dentro da análise de cuestións espaciais relacionadas á economía agrícola e de recursos naturais, desenvolvemento rural e economía rexional; así como o desenvolvemento e utilización de ferramentas metodolóxicas que axuden a comprender a interacción entre agricultura e a localización espacial desde unha perspectiva económica.
O seminario foi organizado pola EAAE (European Association of Agricultural Economists) coa colaboración do SRUC (Scotland’s Rural College) e o Teagasc (Agriculture and Food Development Authority).