A serie Cadernos, publicación do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, vén de lanzar o seu último número, un monográfico dedicado a analizar a situación actual do sector lácteo galego desde un enfoque multidisciplinar. A entrega inclúe as aportacións dos investigadores de ECOAGRASOC Edelmiro López Iglesias e Francisco Sineiro García.
Coa publicación deste monográfico, o CES pretende aportar elementos de reflexión para o diálogo arredor das problemáticas que vive o sector lácteo hoxe en día. O leite é a principal produción da agricultura galega non só em termos económicos e sociais, senón tamén desde unha óptica territorial. Após o fin do sistema de cotas, as diversas mobilizacións protagonizadas polos gandeiros e os principios de acordo existentes, este sector chave para Galicia volta acadar novamente un notable protagonismo no debate público, ao que o CES quere contribuír.
Co obxectivo de ofrecer unha visión o máis ampla posíbel, o monográfico conta coa aportación académica de economistas, coa opinión de representantes dos sindicatos agrarios, coa perspectiva das cooperativas e co punto de vista da Administración galega.
Neste contexto, o coordinador do grupo de investigación ECOAGRASOC, Edelmiro López Iglesias, realiza a súa contribución no artigo ‘A cadea láctea en Galicia: retos e estratexias nun mercado liberalizado’, no que realiza unha diagnose sobre as perspectivas do sector a medio prazo no novo contexto europeo e mundial e analiza as actuacións que debería levar a cabo para garantir o seu futuro.
Por outra parte, o investigador de ECOAGRASOC Francisco Sineiro García asina o artigo ‘A produción de leite sen cotas en Galicia’, no que debulla o novo contexto marcado polo fin das cotas lácteas e as súas implicacións sobre o sector.
Descarga do monográfico en pdf