
O investigador de ECOAGRASOC Emilio Díaz Varela ven de participar na reunión de traballo organizada por The International Partnership for the Sotayama Initiative (IPSI), na United Nations University de Tokyo, onde presentou o traballo ‘The contribution of chestnut orchard recovering projects for effective area-based conservation: Two cases in Asturias (NW Spain)’ (pdf), desenvolvido xunto aos investigadores Pedro Álvarez Álvarez, José V. Roces Díaz e Beatriz Rodríguez Morales.
A reunión, celebrada entre o 22 e o 24 de Maio, é parte do proceso de publicación do cuarto volume da Sotoyama Initiative Thematic Review (SITR vol. 4). O seu eixo temático é a intersección entre as Paisaxes Produtivas Socio-Ecolóxicas e a capacidade de conservación da biodiversidade, mesmo en áreas que non están definidas oficialmente como protexidas. O obxectivo concreto desta reunión era a posta en común dos casos de estudo tratados polos diferentes equipos de investigadores.

Neste contexto, o proxecto presentado polo equipo do que fai parte Emilio Díaz Varela céntrase en dúas áreas de estudo en Asturias (Caranga Baxu e Villamorei). Nestas áreas foron recuperados soutos de castiñeiro en estado de abandono para tornaren produtivos de novo, logrando así a recuperación da capacidade da paisaxe para xerar servizos ecosistémicos e o incremento da súa biodiversidade.
As Paisaxes Produtivas Socio-Ecolóxicas son ilustrativas das potenciais sinerxias existentes entre a conservación do desenvolvemento socioeconómico, o uso multifuncional da terra, a preservación do coñecemento tradicional, a mellora dos servizos ecosistémicos e a conservación da biodiversidade. Porén, moitas destas áreas non contan con medidas de protección específicas, pois ás veces son difíciles de definir claramente como entidades de conservación da natureza. Aínda así, outras medidas relacionadas coa mellora do propio Sistema Socio-Ecolóxico poden ser útiles para manutención da súa capacidade de conservación da natureza.
Partindo desta base, o proxecto presentado ten como obxectivo a preservación de variedades autóctonas ameazadas, seleccionadas por produtores locais, e protexer así a paisaxe asociada e os seus valores etnográficos e culturais. Para recuperar as funcionalidades dos sistemas, o coñecemento tradicional foi combinado con técnicas modernas de recuperación de árbores (selección, poda, enxertía, modelaxe); manutención dos soutos (limpeza de mato e retirada de árbores enfermas) e a reconstrución de estruturas de pedra tradicionais utilizadas para o almacenamento da castaña. Ademais, leváronse a cabo actividades de difusión do proxecto entre a comunidade local.
Os soutos de castiñeiro son exemplos interesantes de Paisaxes Produtivas Socio-Ecolóxicas, xa que normalmente están cultivados e xestionados por propietarios locais que se benefician dunha serie de bens e servizos: castañas, madeira, áreas de pastoreo agro-forestais, etc. A súa posición estratéxica na paisaxe permite a regulación climática local, a protección do terreo contra a erosión e a purificación da auga. As súas características estruturais e funcionais albergan altos niveis de biodiversidade e cumpren un importante papel na conservación de especies ameazadas, como o oso pardo.
Por todo o dito, os esforzos para conservar as Paisaxes Produtivas Socio-Ecolóxicas poden ser tipificadas como “Outras Medidas Eficaces Baseadas no Terreo” (OECM, polas súas siglas en inglés), seguindo a definición do Obxectivo Nº 11 establecido pola Convention on Biological Diversity.