Mar Pérez Fra, Ana Isabel García Arias e Edelmiro López Iglesias participarán no II Congreso Internacional da SEHA e RuralReport, ‘Transicións na Agricultura e na Sociedade Rural. Os desafíos globais da historia rural’ (Santiago de Compostela, 20-23 de xuño). Mar Pérez Fra e Ana Isabel García Arias presentarán a ponencia ‘Do invisível ao visível: a transformação da área do Rio Liberdade em Unidade de Conservação de Uso Sustentável no Brasil’. Pola súa parte, o director de Ecoagrasoc, Edelmiro López Iglesias, coordinará a sesión ‘O sector leiteiro e a cadeia láctea desde meados do século XX: transições e diversidade de modelos produtivos e organizativos’.
Este II Congreso Internacional alberga simultaneamente o VII Encontro RuralReport e o XVI Congreso de Historia Agraria do SEHA. A organización local é responsabilidade dos grupos de investigación Histagra e Gespic, da Universidade de Santiago de Compostela. O evento terá como sede a Facultade de Xeografía e Historia da USC.
Unidades de conservación de uso sustentable
A ponencia presentada por Mar Pérez Fra e Ana Isabel García Arias, xunto a Roseni Aparecida de Moura e José Ambrósio Ferreira Neto, enmárcase na sesión ‘O privado, o común, o público. Dereitos de propiedade, estrutura produtiva e mudanzas no territorio’ (20 de xuño, 17:30-19:30, aula 12).
O traballo presentado, ‘Do invisível ao visível: a transformação da área do Rio Liberdade em Unidade de Conservação de Uso Sustentável no Brasil’, analisa a realidade das Unidades de Conservação Brasileiras no tocante ás formas de uso dos recursos comúns, as relacións co territorio e entre grupos de usuarios, así como o modelo de xestión que implica moradores, organizacións da sociedade civil e o Estado. A investigación, realizada na Reserva Extrativista Riozinho da Liberdade (Acre, Brasil), foi conducida a través de técnicas como o Diagnóstico Rápido Participativo e entrevistas semiestruturadas. Analízanse aspectos ligados á sociabilidade das familias, a relación co territorio, as relacións entre os usuarios de este co poder público e as formas de xestión para a utilización dos recursos naturais.
Como conclusións, áchase que a ausencia de regularización agraria por parte do Estado supón un obstáculo ao proceso de consolidación da Reserva Extrativista e interfire nas relacións entre os usuarios e o medio. As mudanzas nas prácticas produtivas e os desafíos da xestión partillada son factores que aínda están a ser incorporados no cotiá dos usuarios.
Transicións e diversidade no sector leiteiro
Por outra parte, a sesión ‘O sector leiteiro e a cadeia láctea desde meados do século XX: transições e diversidade de modelos produtivos e organizativos’ (22 de xuño, 9:00-11:00, aula 9), coordinada por Edelmiro López Iglesias, acollerá até seis presentacións. Nas mesmas, abordarase un abano moi ambicioso de temáticas: As orixes e evolución da especialización leiteira en diferentes países e contextos históricos; as políticas de fomento da especialización leiteira; diversidade de estruturas e modelos produtivos: factores explicativos e consecuencias económicas, sociais e ambientais; industria de lácteos, cooperativas e canais de comercialización e distribución, as relacións entre os elos da cadea; dinámica dos mercados, as diferentes políticas de regulación dos mercados lácteos e os seus efectos; os procesos de integración comercial e o seu impacto no sector lácteo: a experiencia da UE e as existentes en América Latina.