Volven os Encontros de Lúa Chea á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, comezando este 2022 con dous debates que terán como eixo central o uso da lingua galega por parte de proxectos empresariais innovadores. Nos encontros participarán os responsables de 6 iniciativas asentadas no rural galego que consideran o galego un elemento central na construción da súa imaxe de marca, que compartirán as experiencias das súas propias empresas. Trátase ademais de iniciativas marcadas polo seu carácter innovador e por dinamizar economicamente a súa contorna.
Os Encontros de Lúa Chea están organizados pola Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría e polo Grupo de Innovación Docente Ruralia.
Encontro 1. Enraizadas no rural: innovación con nome de muller
22 de marzo ás 17h00, na Sala de Xuntas da EPS de Enxeñaría

Os tres proxectos que se xuntan na primeira sesión unen ao enfoque innovador e á aposta polo galego un terceiro elemento que os fai relevantes: todos eles nacen de iniciativas femininas.
–Carabuñas, con sede en Vilar de Santos, dedícase a producir e transformar a flor e os froitos do sabugueiro en marmeladas, infusións, xeleas, bombóns, licores ou cervexas.
–Maruxio combina desde A Estrada o aloxamento rural e a dinamización cultural coa respostería artesá.
–Traloagro é unha explotación avícola e bovina, ambas ecolóxicas, de Friol, que deu o paso á transformación e venda a través da posta en funcionamento dunha central de despezamento e de dúas tendas na que vende a súa propia produción e outros produtos certificados.
Encontro 2. O rural a debate. Innovación cooperativa
29 de marzo ás 12h00, na Sala de Xuntas da EPS de Enxeñaría

O segundo dos encontros pon o foco nas empresas da economía social, pola importancia que para elas teñen cuestións como contribuír ao desenvolvemento local, xerar valor social, promover a igualdade de oportunidades…
–Daveiga, sociedade laboral limitada de Chantada, ben coñecida polo seu produto estrela, as Galletas Mariñeiras.
–A Carqueixa, cooperativa de gandeiros de Cervantes que cría gando vacún en extensivo e comercializa directamente os seus produtos, tanto a través de internet, como dunha tenda física en Lugo.
–Amarelante, cooperativa de Manzaneda que está a recuperar os soutos abandonados desa zona ourensá para reactivar a produción de castañas de calidade e elaborar con elas produtos comercializados baixo o selo de Castaña de Galicia.