A investigadora de ECOAGRASOC Mar Pérez Fra participa nas xornadas ‘O que non arde’, que teñen lugar os días 17 e 18 de setembro en Vilela (Navia de Suarna, comarca dos Ancares). O evento contará con varios relatorios e mesas redondas, onde participarán numerosos especialistas e axentes do sector.

As xornadas ‘O que non arde’ están organizadas pola Deputación Provincial de Lugo, a Asociación Ser e Casa Quindós, o centro de desenvolvemento rural posto en marcha polo cineasta Oliver Laxe. O nome do evento inspírase na aclamada película do director, pondo en valor as iniciativas e actividades que contribúen a manter un rural vivo e rico, un rural que non arde.
O obxectivo das xornadas é intercambiar coñecementos e ideas que contribúan a potenciar os proxectos produtivos existentes no entorno. Así, no evento abordaranse temáticas ligadas ás políticas públicas de incorporación ao campo e o relevo xeracional agrario, así como as iniciativas de desenvolvemento rural postas en marcha nos concellos da Veiga, Allariz e Somiedo. Tamén se tratarán as propostas do Comisionado para o reto demográfico de Asturias ou se porán en común as experiencias de proxectos de produción agroalimentaria asentados nos Ancares.
Neste contexto, Mar Pérez Fra modera a mesa redonda “Plans de incorporación de activos”, o venres 17 ás 13:30, na que participan Pablo Iglesias (Xefe do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo, CMR), Sua (Socio consultor de IUNI strategic marketers e coordinador do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega) e Manuel Redondo (Red Terrae).