Mesa Redonda: ‘Os comunais: un recurso multifuncional para o desenvolvemento rural

A Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela) acolle o próximo xoves día 8 de novembro ás 17 horas na Sala de Xuntas unha mesa redonda sobre os bens comunais e o seu potencial como recurso multifuncional para o desenvolvemento de áreas rurais.

Participan na mesa:

Joam Evans PimComuneiro, MVMC de Froxan, Lousame

Rubén Blanco , Técnico do MVMC de Coruxo, Vigo

Trátase en ambos casos de Comunidades de Montes que outorgan unha grande relevancia aos usos ambientais. A Comunidade de Coruxo é unha comunidade de carácter urbano que desenvolve unha intensa actividade de concienciación ambiental e loita contra especies invasoras. A Comunidade de Froxan foi incluída no ano 2017 no rexistro ICCA, dependente do Programa da ONU para o Medio Ambiente. Esa listaxe valora aqueles espazos xestionados pola comunidade e da cal o traballo e proceso de toma de decisións contribúen á conservación da natureza. O seu obxectivo é apoiar e lograr o recoñecemento destes sistemas comunais de gobernanza, con particular atención á promoción dos seus valores sociais, ambientais e económicos.

O evento está organizado polo grupo de Innovación Docente Ruralia integrado por investigadoras das áreas de Economía Agraria, Historia Contemporánea e Ecoloxía e conta co financiamento do Proxecto ‘O monte comunal en Galicia desde a Idade Media á  actualidade: de soporte dun vello complexo agrario a recurso medioambiental e patrimonio paisaxístico”, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividad.